O espectáculo “Boa sorte, mala fama” representarase a cargo da compañía Tarabela Creativa na Casa da Cultura de Nespereira ás 19:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 18 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Pazos de Borbén da man dunha obra de teatro sobre a emigración a cargo da compañía Tarabela Creativa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Boa sorte, mala fama” representarase na Casa da Cultura de Nespereira a partir das 19:00 horas e está pensada para público adulto. Esta peza teatral fai un percorrido a través de diferentes épocas e persoas para contar a historia máis incómoda da nosa emigración. Trátase dunha traxicomedia que emprega a narración oral, a música ao vivo e a interpretación das mulleres en tres actos: acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos; e acto terceiro, os retratos. Deste xeito, tres mulleres sairán a escena en Pazos de Borbén para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.