HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará esta fin de semana máis de 240 veciños de...

A Deputación mobilizará esta fin de semana máis de 240 veciños de catro concellos da provincia a través do programa +Convivencia

- Anuncio -spot_img

As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como a illa de Sálvora, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e Tui, e realizarán unha ruta BTT

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 242 persoas chegadas desde os concellos de Agolada, Cambados, Salceda de Caselas e Valga. A veciñanza que estes días participa no programa visitará a illa de Sálvora, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e Tui, e realizarán unha ruta BTT.

As saídas do programa +Convivencia comezan o sábado 18 de outubro con 92 persoas da ANPA do CEIP de Baño (Valga) visitando Tui. Este mesmo día outros 55 participantes da ANPA CEIP Enrique Barreiro de Vilariño (Cambados) coñecerán a illa de Sálvora e 40 máis do CEIP de Agolada realizarán unha ruta BTT. Por último, o domingo 19 de outubro 55 usuarios do Centro Cultural A Feira (Salceda de Caselas) farán unha excursión ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas