Trátase dunha comedia que pon o foco nas falsas crenzas, nos líderes de barro, na inocencia, e naqueles que se aproveitan dela para o seu propio beneficio
O Concello de Nigrán continúa este domingo 19 de outubro coa programación especial de ‘Fegateatro’ coa función ‘Novo Amencer’ de Achádego Teatro (Lugo) ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar aforo.
Todas as persoas estamos un pouco perdidas, buscando algo ao que aferrarnos que lle de sentido as nosas vidas, o problema é que hai moitas opcións e non sempre escollemos a axeitada. ‘Novo Amencer’ é unha comedia que pon o foco nas falsas crenzas, nos líderes de barro, na inocencia e naqueles que se aproveitan dela para o seu propio beneficio. Unha divertida crítica distópica ambientada nunha comunidade moi peculiar na que non hai ninguén normal, como na vida mesma.
O Fegateatro finaliza o sábado 25 de outubro con ‘María Castaña’ de Avelaíña Teatro (Mourente).
Este é o quinto convenio que o Concello de Nigrán asina coa Federación Galega de Teatro Amador, achegando o Concello 4.500 € que supoñen 7 representacións en Nigrán (3 xa tiveron lugar en xuño).



