- A xornada, que se celebra hoxe no GaiásTech, inclúe casos de éxito, espazos de demostración tecnolóxica, presentación de factura electrónica e talleres prácticos centrados en redes sociais, IA ou márketing dixital, entre outros
- José González destaca a importancia deste encontro para compartir coñecemento, sumar esforzos e ofrecer ferramentas que reforcen o tecido comercial galego, especialmente nun contexto de profundos cambios globais
- Avanzou que en 2026 se consolidarán as principais liñas de apoio ao sector xunto con outras iniciativas xa consolidadas de visibilización e dinamización económica, como os Bonos Activa Comercio
- A este respecto, lembrou que haberá unha nova edición antes de que remate o ano e salientou que esta medida, ademais de actuar como estímulo económico, se ten convertido nunha importante campaña de promoción do comercio local
- Ademais, fixo fincapé na necesidade de garantir a remuda xeracional e atraer a novas xeracións, con medidas como ‘Localízate’, con nova edición xa en marcha, ou as futuras bolsas para aprendices no eido artesán, ás que se destinarán 1 M€
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025.- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, inaugurou hoxe no GaiásTech a xornada Impulsando o comercio galego: Innovación, dixitalización e experimentación, organizada pola Xunta de Galicia no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
José González destacou a importancia deste encontro como espazo para compartir coñecemento, sumar esforzos e ofrecer ferramentas que reforcen a competitividade do tecido comercial galego, especialmente nun contexto de profunda transformación global. Agradeceu tamén a colaboración do GaiásTech e da Amtega pola súa implicación co avance tecnolóxico e coa modernización do comercio galego.
Durante a súa intervención, subliñou que un dos tres eixos do Plan estratéxico do comercio é o impulso da competitividade, reforzando a aposta pola formación continua e o aproveitamento das novas ferramentas dixitais como oportunidade para mellorar a xestión, potenciar a experiencia de compra e conectar con novos públicos. Nese marco, reafirmou o firme compromiso do Goberno galego con este sector fundamental, que dá emprego a preto de 107.000 persoas, e que se continuará reforzando de xeito clave nos orzamentos do vindeiro ano.
Así, avanzou que en 2026 se consolidarán as principais liñas de apoio ao sector, entre elas as dirixidas á dixitalización, modernización e sustentabilidade dos establecementos comerciais e artesanais, xunto con outras iniciativas xa consolidadas de visibilización e dinamización, como os Bonos Activa Comercio. A este respecto, lembrou que haberá unha nova edición antes de que remate o ano e tamén en 2026, e salientou que esta medida, ademais de actuar como estímulo económico, se ten convertido nunha importante campaña de promoción do comercio local, como amosa a edición celebrada en xuño, dotada con 2,5 M€ e que se esgotou en só dous días e medio.
Remuda xeracional e conexión coa mocidade
O conselleiro fixo tamén especial fincapé na necesidade de garantir a remuda xeracional no comercio galego, un aspecto clave para asegurar o futuro do sector. Nese sentido, destacou a aposta estratéxica da Xunta por atraer novas xeracións, tanto como consumidores como emprendedores.
Entre as medidas previstas, salientou as futuras bolsas para aprendices complementarias ao programa Aprender da tradición, ás que se destinarán 1 M€ en 2026 e destinadas a promover a remuda xeracional no eido da artesanía. Tamén o labor da propia Rede de polos, que ademais de ofrecer asesoramento en materia de emprendemento, conta cunha bolsa de remuda, que conecta a quen desexa traspasar o seu establecemento con quen quere tomar o relevo. Tamén lembrou a campaña Localízate, dirixida ao alumnado da ESO e de Ciclos Formativos de Grao Básico, que busca fomentar vínculos de valor co comercio de proximidade e da que xa está en marcha unha nova edición. Todas estas actuacións, sinalou, enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia, unha ambiciosa folla de ruta para os vindeiros anos dotada con 320 M€ e composta por máis de 70 accións.
Xornada Impulsando do comercio galego
A xornada de hoxe, que se prolongará ata a tarde, combina mesas de presentación de casos de éxito protagonizadas por referentes do comercio de proximidade galego con espazos de demostración tecnolóxica e talleres prácticos centrados en ámbitos como as redes sociais, o escaparatismo, o márketing dixital ou a implantación da factura electrónica. Ademais, conta con zonas de networking pensadas para favorecer o intercambio de experiencias e colaboracións entre profesionais, empresas e institucións.



