Nun acto previsto ás 19:00 horas na Biblioteca Municipal, o executivo dará a coñecer todas as novidades levadas a cabo recentemente nestes eidos.
Presentaranse as coleccións de libros que se acaban de adquirir, de uso recomendado nos centros educativos, ademais dos novos equipos informáticos e a estrea dunha nova iniciativa de préstamo.
Desenvolverase o espectáculo de Pedro García Bugarín Galicia coa maxia, para público familiar.
Dous dos piares sobre os que debe sustentarse calquera sociedade que busque o desenvolvemento persoal, a busca de autonomía e reducir as desigualdades son a cultura e a educación. Ben o sabe o goberno municipal, que en aras de reforzar ambos eidos celebrará o vindeiro 24 de outubro un acto para conmemorar o Día das Bibliotecas, no que presentará varias das iniciativas que incrementan a prestación de servizos nestes ámbitos.
A partir das 19:00 horas, o executivo dará a coñecer nun acto aberto ao público as novas coleccións de libros que se acaban de adquirir a través da subvención de Novidades editoriais de uso recomendado nos centros educativos da contorna e para tódolos niveis.
Ademais, tamén se ofrecerá unha breve explicación sobre a recente adquisición de equipos informáticos, renovando así estes aparellos para uso e desfrute de todas as persoas que o precisen.
Outra das iniciativas relevantes á que se lle dará voz é a da sección de libros itinerante dos locais municipais, unha pequena escolma de libros que se irán rotando e que se poderán levar a modo de préstamo. Obras para todas as idades e con temáticas variadas.
Este acto levarase a cabo na Biblioteca Municipal e contará coa presenza de Pedro García Bugarín, que executará o seu espectáculo Galicia coa maxia. Apto para todos os públicos.