- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración da xornada ‘Cooperación galega: unha carreira de fondo’, organizada pola Xunta en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD
- Diego Calvo salientou o desenvolvemento dun marco normativo estratéxico e operativo como base da modernización do sistema galego de cooperación, caracterizado polo consenso político e social
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na inauguración da xornada Cooperación galega: unha carreira de fondo, onde destacou a cooperación galega como un dos piares da acción exterior autonómica. No evento, organizada pola Xunta en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, púxose de manifesto o papel referente de Galicia a nivel europeo en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Nesta liña, o conselleiro salientou o desenvolvemento dun “marco normativo estratéxico e operativo, configurado e actualizado en diálogo aberto e constante cos axentes galegos de cooperación”, como base fundamental para a modernización do sistema galego de cooperación, caracterizado polo consenso político e social ao longo dos seus máis de trinta anos de existencia. Iso responde á aposta da Xunta por unha “política pública participativa, aberta a escoitar as demandas e propostas da sociedade civil organizada e do resto de entidades públicas e privadas comprometidas coa solidariedade global”, engadiu.
Diego Calvo sinalou que Galicia actúa en 11 países prioritarios -Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua, Mozambique, Cabo Verde e Guinea Bissáu-, cunha clara aposta polos países lusófonos, ademais de seguir apoiando especialmente a poboación saharauí e palestina. As accións impulsadas céntranse ademais en ámbitos estratéxicos, como a agricultura, pesca e acuicultura sostibles, a xestión de recursos hídricos, a igualdade de xénero, a defensa dos dereitos humanos e fortalecemento da democracia e da sociedade civil organizada, a loita contra o cambio climático, a acción e axuda humanitaria e a educación para a cidadanía global.
O conselleiro puxo tamén en valor o esforzo do Goberno galego para o financiamento da cooperación para o desenvolvemento e, neste marco de acción apróbase cada exercicio o Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento, a través do que o Goberno galego avanza nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático.
A maiores, Diego Calvo agradeceu o labor de entidades como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no eido municipal, e da Coordinadora Galega de ONGD, que agrupa medio cento de entidades e coa que a Xunta mantén unha colaboración estable destinada a mellorar a súa capacidade para representar e fortalecer as ONGD galegas, particularmente as máis pequenas, así como para incidir na mellora da política pública de cooperación galega a nivel local e autonómico e para comunicar externamente a transcendencia de defender os dereitos humanos e as políticas de cooperación internacional a nivel global.
Precisamente desta última liña de acción forma parte a xornada desenvolvida hoxe, coa que se quere poñer en valor o traballo da Cooperación Galega e das organizacións do Terceiro Sector que contribúen, desde Galicia, á defensa dos dereitos humanos e á loita contra as desigualdades a nivel global.