- O director de Turismo de Galicia fixo balance deste produto durante a súa visita ao Eurostars Gran Hotel de Lugo, e animou a continuar participando na iniciativa
- Ata o de agora rexistráronse máis de 2.800 operacións nos máis de 500 establecementos adheridos e poderanse gozar ata o 25 de decembro
“Transcorrido tan só un mes desde que comezase o período de goce do bono turístico este 2025, este produto xa leva mobilizado no sector un total de 515.898,29 euros a través de 2.804 operacións realizadas polos usuarios en toda Galicia”. Así o anunciou esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a visita que realizou ao Eurostars Gran Hotel de Lugo, acompañado polo delegado territorial da Xunta nesta provincial, Javier Arias.
Alí, o director de Turismo subliñou que aínda quedan dous meses para seguir gozando do bono e animou a facer uso del nos máis de 500 establecementos turísticos adheridos, dos que varios están en concellos afectados pola vaga de lumes deste verán.
Xosé Merelles salientou o éxito deste programa que se está a converter nun eficaz instrumento para favorecer a desestacionalización, un dos eixos da Estratexia de Turismo de Galicia 20230. “O bono turístico recupera en certo modo o carácter solidario co que naceu ao tentar tamén contribuír á recuperación económica das zonas de Galicia que este ano sufriron lumes”, afirmou.
Na presente edición de 2025, descargáronse 16.666 bonos de 150 euros cada un, dos que a Xunta financia o 40% achegando 60 euros; o usuario pon 90 euros. Cada persoa pode descargarse ata dous bonos. A Xunta de Galicia financia este produto con 1M€ cos que se mobilizarán no sector 2,5M€.
Na actualidade, están adheridos 539 establecementos, dos cales, 212 están na provincia de A Coruña; 100 en Lugo; 70 en Ourense e 157 en Pontevedra, pero esta cifra aínda pode seguir incrementándose ata o 1 de decembro. O período de goce do bono turístico para os usuarios rematará o 25 de decembro.