A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acaba de licitar os traballos de pavimentación e mellora en dúas vías municipais: o camiño do Subido, en Chapela, e o camiño das Cabritas, en Quintela.
Segundo explican desde o Concello trátase de obras que se realizan “para mellorar a seguridade e a mobilidade da veciñanza nestes dous camiños”.
No caso do camiño do Subido as obras incluirán a mellora da drenaxe e a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, cunha lonxitude total de 186 metros, o que supón unha superficie aproximada de 772 metros cadrados. Tamén se realizará aa limpeza de beiravías e taludes do camiño. O orzamento ascende a 30.409,55 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Roberto Villar visitaron a zona onde comezarán os traballos neste trimestre. Trátase dunhas obras “moi necesarias” para o goberno local, xa que esta zona presenta un gran desnivel “e con esta renovación poderase mellorar a seguridade na circulación tanto de vehículos como de peóns”. Este ó o segundo tramo que se arranxa no camiño do Subido, onde nun primeiro tramo habilitouse unha franxa peonil con máis agarre para facilitar o tránsito dos peóns e evitar riscos de caídas.
Por outra banda contratouse a pavimentación do camiño das Cabritas, en Quintela, tamén con aglomerado asfáltico en quente cunha lonxitude total da estrada de 157 metros, cunha superficie aproximada de 650 metros cadrados. Neste caso tamén se procederá á limpeza das cunetas e taludes do camiño. O orzamento destes traballos ascende a 11.858,00 euros.
Cortes puntuais de tráfico no camiño da Buraca por obras de fresado e asfaltado
Por traballos de fresado e asfaltado no camiño da Buraca, en Chapela, a próxima semana poderían producirse cortes de tráfico puntuais. As obras afectarán desde o cruce do camiño da Buraca co camiño da Traída e parte do camiño do Gaio. As labores de reparación comezarán o luns, día 20 de outubro, e prolongaranse durante dúas semanas. Desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade solicitan aos condutores que, na medida do posible, eviten circular por este camiño. Con todo, os traballos organizaranse para causar as mínimas molestias no horario de entrada e saído do CEIP Igrexa, situado nas inmediacións.