“O noso obxectivo é preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial, especialmente entre escolares, fomentando o seu coñecemento e a transmisión ás novas xeracións”, subliñou o presidente provincial Luis López
A través desta colaboración vaise celebrar no Centro Cultural e Veciñal de Valadares (Vigo) o Día Mundial do Patrimonio, o 14 de novembro, e obradoiros de radio e patrimonio inmaterial en centros educativos da Estrada, Mos, Ponte Caldelas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tui e Vigo
A Deputación de Pontevedra destina 15.000 € á Asociación Ponte nas Ondas, a única entidade acreditada pola UNESCO en Galicia para a transmisión do patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións, para poñer en valor o patrimonio. “O noso obxectivo –subliñou o presidente provincial Luis López- é preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial, especialmente entre os escolares de centros educativos transfronteirizos, así como promocionar o incrible patrimonio cultural común galego-portugués, fomentando o seu coñecemento e a transmisión ás novas xeracións”.
Deste xeito, a través desta colaboración vanse organizar obradoiros que contemplan unha sesión de radio e podcast e outra de divulgación das expresións do patrimonio cultural inmaterial e as músicas tradicionais. Comezarán o próximo luns, 20 de outubro, no CEIP de Petelos de Mos e continuarán na Estrada (CEIP do Foxo e IES Losada Diéguez), Ponte Caldelas (IES Ponte Caldelas), Pontevedra (IES Sánchez Cantón), Salceda de Caselas (IES Pedras Rubias), Salvaterra de Miño (CEP Carlos Casares), Tui (IES Indalecio Tizón) e Vigo (IES Alexandre Bóveda e IES Valadares).
Tamén, ao abeiro da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e Ponte nas Ondas, vaise organizar un acto para organizar o Día Mundial do Patrimonio. Terá lugar o 14 de novembro no Centro Cultural e Veciñal de Valadares (Vigo) e durante esa xornada tamén se farán entrega dos premios do VIII Certame As imaxes do patrimonio, que conta coa participación de centros educativos de Galicia e de Portugal.