O presidente provincial Luis López explicou que esta segunda convocatoria nace para atender as 85 entidades que quedaron fóra da primeira, ao esgotarse os 120.000€ do crédito asignado, e ábrese a outras máis que desexen solicitar as axudas
López subliñou que “este é un goberno de feitos. Queremos que Pontevedra sexa a provincia do deporte e avanzamos, día a día, semana a semana, para que este desexo sexa unha realidade”
A Deputación de Pontevedra lanza a segunda convocatoria de axudas a entidades para bens e servizos en campionatos e eventos deportivos, dotada con 100.000 € “para non deixar a ninguén atrás”. O presidente provincial Luis López explicou que esta segunda convocatoria nace para atender as 85 entidades que quedaron fóra da primeira, ao esgotarse os 120.000 € do crédito asignado, e ábrese a outras máis que desexen solicitar as axudas, que poderán solicitalo ata o 30 de novembro.
“Este é un goberno de feitos”, asegurou o presidente quen engadiu que “queremos que Pontevedra sexa a provincia do deporte e avanzamos, día a día, semana a semana, para que este desexo sexa unha realidade”. Ao respecto, o presidente informou que hai unhas semanas se esgotou o crédito desta liña de axudas para bens e servizos que puxo en marcha por vez primeira a Deputación de Pontevedra e “foi todo un éxito, ao esgotarse o crédito e destinar recursos a preto de 150 entidades”.
As axudas desta segunda convocatoria destinarán, ao igual que a primeira, un máximo de 1.000 € por entidade e serán por concesión directa, ata que se esgote o crédito de 100.000 €. Van dirixidas a campionatos ou evento deportivos desenvolvidos na provincia e artéllanse en dúas liñas: unha para bens como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional e outra para contratar servizos como a asistencia sanitaria, seguridade, montaxe, desmontaxe, cronometraxe ou arbitraxe.