O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no acto organizado pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Pontevedra na entrega dos V Premios Mulleres no Foco nun acto no que compartiu a celebración da progresiva incorporación feminina en todos os oficios técnicos e artísticos do audiovisual galego.
Estes galardóns, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, teñen como obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas do audiovisual, así como fomentar a súa visibilidade e representación no sector. Ademais das traxectorias e talentos individuais, cada convocatoria anual, aberta á recepción de candidaturas, distingue perfís que desenvolven o seu labor con perspectiva de xénero, realizan activismo polo recoñecemento da muller ou impulsan o emprego feminino neste ámbito.
O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou ás galardoadas persoalmente e lembrou que a participación feminina é un dos criterios que se teñen en conta nos baremos de valoración para optar ás subvencións convocadas pola Xunta para a produción e coprodución de filmes, ademais de sinalar que son precisamente mulleres directoras as responsables de moitos dos maiores éxitos do audiovisual galego máis recente.