O presidente provincial definiu como “oportunidade” a acreditación dos beneficios das augas mineromedicinais da provincia para a saúde
Menor puxo en valor a “vangarda” do modelo termal de Arnoia, que cualificou de “referente do sector” ao ser o primeiro balneario de España en realizar estudos hidroxeolóxicos, xa nos anos noventa
As autoridades coñeceron a nova Unidade Terapéutica Termal, espazo pioneiro orientado á prevención, recuperación funcional e coidado integral dos usuarios
A Deputación, xunto ao Concello de Arnoia, chegou en 2024 a un acordo pioneiro coa Fundación San Rosendo para garantir a continuidade do balneario e a ampliación dos seus servizos, orientándose cara un modelo social de termalismo
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reafirmou na celebración do 30 aniversario do Balneario de Arnoia o compromiso da institución ourensá co termalismo como gran motor “económico, social, cultural e identitario” da provincia. Menor puxo en valor o acordo pioneiro ao que chegou a Deputación, xunto ao Concello de Arnoia, polo que o pasado mes de xullo de 2024 se logrou o compromiso da Fundación San Rosendo de ampliar a apertura do balneario, co apoio da Xunta de Galicia, e mellorar os seus servizos. “Hoxe estamos celebrando tres décadas dun balneario referente grazas á cooperación e ao diálogo”, sinalou Menor.
O presidente provincial felicitou a tódolos traballadores e axentes implicados na historia do balneario de Arnoia pola continuidade dun modelo de balneoterapia que, dixo, “é unha auténtica vangarda na que se fixan no resto de España”. E amosouse tamén convencido de que a colaboración e o traballo conxunto con Caldaria permitirá avanzar na consecución doutros proxectos de importancia para toda a provincia, como por exemplo novos establecementos termais na capital.
Menor puxo o foco na investigación dos efectos das augas mineromedicinais como “a gran oportunidade” e o “gran reto” do termalismo ourensán. Neste sentido, lembrou que o balneario de Arnoia foi o primeiro de España en realizar estudos hidroxeolóxicos nos anos noventa. “Aquilo foi unha revolución no eido termal e marca o camiño para que a investigación e a acreditación dos beneficios das nosas augas sexan a verdadeira punta de lanza desta provincia”, apuntou o presidenta da Deputación.
Inauguración da Unidade Terapéutica Termal
Durante o acto de celebración dos 30 anos do balneario, Menor e o resto de autoridades realizaron un percorrido polas zonas termais e coñeceron a Nova Unidade Terapéutica Termal, un espazo pioneiro orientado á prevención, recuperación funcional e coidado integral da saúde.