Trátase da primeira toma de contacto do novo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, con responsables do Clúster de Turismo de Galicia e do sector turístico provincial
A Deputación de Pontevedra reuniuse co sector turístico para fortalecer a gobernanza turística e continuar avanzando na consolidación de Rías Baixas como destino líder en Galicia. Trátase da primeira toma de contacto do novo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, con responsables do Clúster de Turismo de Galicia e do sector turístico provincial, “no marco da vontade de impulsar unha liña de traballo en coordinación baseada na escoita activa”.
“A nosa vontade –remarcou o deputado- é impulsar unha cooperación constante entre as institucións públicas e os axentes privados”. Neste eido, ademais de Almuiña, participaron no encontro a directora de Turismo, Romina Fernández, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e representantes da executiva do Clúster na provincia de Pontevedra como César Sánchez-Ballesteros, secretario; Alfonso Martínez, tesoureiro; e os vogais María del Mar Rodríguez, Lorena Varela e Diego Otero.
Na xuntanza, entre outras cuestións, intercambiáronse ideas sobre os principais retos aos que se enfronta o sector do turismo na provincia de Pontevedra. Tamén se estableceu un calendario de reunións periódicas para afondar cuestións concretas relacionadas coa dinamización turística do territorio provincial e para definir liñas de actuacións conxuntas entre o sector privado e o público de cara aos próximos meses.