A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, recibirá aos primeiros beneficiarios do programa: preto de cen veciños e veciñas de 21 concellos da provincia, que gozarán de estancias no Hotel Carlos I Silgar e no Hotel Spa Galatea, ambos en Sanxenxo
A Deputación pon a funcionar o programa de termalismo +Benestar, que arranca este domingo e permitirá que preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia gocen de estadías de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, recibirá aos primeiros participantes do programa, un grupo de preto de cen persoas de 21 concellos da provincia que desfrutarán esta semana de estadías no Hotel Carlos I Silgar e no Hotel Spa Galatea, ambos en Sanxenxo.
Ao detalle, ata 47 persoas de Catoira, Gondomar, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Soutomaior, Redondela, Valga e Vilaboa desfrutarán de +Benestar no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo, mentres que outras 51 de Baiona, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Guarda, Lalín, Meis, Mos, Oia, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui farán o propio no Hotel Spa Galatea, tamén en Sanxenxo.
Con +Benestar, a Deputación de Pontevedra pretende facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade. O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben asumir a cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Pontevedra, Vigo ou Vilaboa.