O espectáculo “Quixote” representarase a cargo da compañía Pedras de Cartón no Teatro municipal ás 11:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este martes 21 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Tui da man dun espectáculo de clown sobre o Quixote a cargo da compañía Pedras de Cartón. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Quixote” representarase no Teatro municipal a partir das 11:00 horas e está pensada para o público infantil. Esta peza de teatro recupera o texto de Cervantes para contalo en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico, moi ao estilo Fellini e en clave de clown, traballa as escenas máis icónicas da novela como a relación antagónica entre Don Quixote e o seu fiel escudeiro Sancho. Unha proposta case sen palabras, que encherá de humor o teatro de Tui.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.