HomeXunta de GaliciaAllegue anuncia 28M€ para vivenda en Pontevedra e adianta que a Xunta...

Allegue anuncia 28M€ para vivenda en Pontevedra e adianta que a Xunta facilitará a construción de vivenda protexida en solos dotacionais en desuso

- Anuncio -spot_img
  • Allegue destacou que é a provincia de Pontevedra a que conta co orzamento máis alto da Xunta en materia para vivenda, con 149M€, dos que 28M€ terán como destino a cidade do Lérez
  • A conselleira informou que os solos destinados a dotacións de titularidade pública  poderán destinarse á construción de vivenda protexidas ou aloxamentos compartidos, sempre e cando a parcela estea en desuso ou abandonada
  • Detallou que a Xunta vai destinar 60M€ para a provincia de Pontevedra en materia de infraestruturas en actuacións como a variante de Alba, a senda Mollavao-Os Praceres ou á conservación das estradas de titularidade autonómica

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e o delegado da Xunta, Agustín Reguera, deu conta dalgunhas liñas do seu departamento nos Orzamentos 2026, detallando os principais investimentos na cidade de Pontevedra.

M. Allegue destacou que a Xunta vai destinar o ano que ven 211M€ na provincia, o que representa un 33% do orzamento da Consellería en toda Galicia, e salientou que precisamente que a provincia de Pontevedra é a provincia galega que ten o orzamento máis alto en vivenda, con 149M€, dos que máis de 84M€ son para nova vivenda de promoción pública, e 28M€ só para a cidade do Lérez.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego destinará 14M€ para nova vivenda en Pontevedra, dos 28M€ consignados, para seguir coa execución dos 236 novos fogares en marcha en Valdecorvos, así como tamén as outras 53 vivendas en Tafisa e 11 nas Devesas.

Anunciou que no 2026 o Goberno galego comezará a entrega de vivendas, concretamente dos primeiros 74 novos fogares para as familias adxudicatarias e tamén sacará a licitación a execución de todos os proxectos en marcha, incluídas as obras para converter en vivendas os 4 locais de Valdecorvos.

Por outra banda, a titular de Vivenda adiantou que a Xunta avanzará coa tramitación para desenvolver os solos residenciais previstos tanto en Pontevedra como en Marín, coa finalidade de que poidan estar aprobados a finais do ano 2026 e poder así adquirir o solo para, posteriormente, licitar as obras de urbanización no  ano 2027.

Allegue puxo en valor estas actuacións de solo residencial, tamén prioritarias xa que permitirán dar cobertura a curto prazo a construción de 2.400 novas vivendas na área urbana de Pontevedra das que o 80% serán vivendas protexidas.

Novas medidas

A conselleira destacou que no ano 2026 o Goberno galego porá en marcha novas medidas que permitirán sumar máis vivenda, como o novo programa para adquirir baixos en desuso e transformalos en vivendas públicas, ao que se destinará unha partida plurianual de 5M€, dos que 2M€ están consignados para o ano 2026. “Tal e como explicou xa o presidente Rueda, lanzaremos unha oferta pública de adquisición de baixos que reúnan condicións técnicas e xurídicas adecuadas, e acometeremos as obras necesarias para convertelos en vivendas”, subliñou a Allegue.

Así mesmo, anunciou que a Xunta regulará o desenvolvemento de aloxamentos compartidos, un modelo alternativo de residencia  caracterizado por contar con espazos privados destinados a aloxamento  e ademais instalacións e servizos de uso común como zonas para o ocio, ou de lecer. “Son novas formas de convivencia, que xa están despuntando en Europa. Unha forma de vida, cada vez máis demandada, na que se busca un equilibrio entre a autonomía individual e a vida compartida,  ofrecendo unha alternativa estable, accesible e socialmente sostible ao modelo tradicional de vivenda”, destacou a conselleira.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanzou que a partir do ano que ven permitirase construír vivenda de protección en solos dotacionais ou con usos terciarios, que actualmente están sen uso, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico. As entidades privadas tamén poderán promover vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos. Bastará un acordo plenario do Concello, con maioría absoluta. En ambos casos, queda garantida a cualificación permanente coma vivenda de protección. “Gañamos en axilidade na construción de vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos, que ademais imos regular. Recuperamos espazos urbanos que actualmente están en desuso,  o que ademais, constitúe unha estratexia de rexeneración urbana e de mobilización de patrimonio público ou privado ocioso”, subliñou.

Orzamento en infraestruturas

No que se refire á planificación de Infraestruturas, Allegue avanzou que se investirán 60M€ para a provincia de Pontevedra para acometer actuacións moi demandadas como a presentada recentemente para solucionar os problemas de tráfico na zona da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove, e con proxección para os vindeiros anos.

Tamén destacou o impulso da variante de Alba prevista nos orzamentos da Xunta do 2026, que permitirá a tramitación do proxecto de trazado e a avaliación ambiental do proxecto, así como a licitación da redacción do proxecto construtivo.

Así mesmo, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo en valor que tamén se vai seguir desenvolvendo o Plan de Sendas de Galicia que permitirá que en 2026 se remate a senda Mollavao-Os Praceres, unha estrada que quedará completamente transformada, e outros novos itinerarios na contorna da cidade como o de P0-303 en Samieira (Poio), entre outros.

Allegue salientou o esforzo investidor da Xunta na conservación e mantemento das estradas pontevedresas, para o que a Xunta destinará 15 M€.

Por último, a conselleira fixo fincapé en que os orzamentos 2026 en materia de vivenda e infraestruturas son “uns orzamentos realistas e que buscan que os cidadáns teñan máis oportunidades de acceso a un fogar” e aproveitou a súa intervención para dar as grazas a todos os concellos que están a colaborar coa Xunta na busca de novos espazos onde construír vivenda pública.

Publicacións Relacionadas