O secretario xeral da Lingua participa no acto Galeguidade Empresarial, organizado coa colaboración da Xunta polo Foro Enrique Peinador, unha das entidades que participa activamente no proceso de actualización do Plan xeral de normalización da lingua
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto Galeguidade Empresarial que, baixo o lema Medrando co galego. Economía e compromiso coa identidade, promoveu o Foro Enrique Peinador coa colaboración da Xunta por tratarse, sinalou, “dunha importante chamada á implicación do tecido económico co uso do galego no transcurso da súa actividade”.
Así, o representante do Goberno autonómico fixo fincapé en que “a dinamización da lingua dentro das empresas supón unha importante ferramenta para afianzar o compromiso co idioma”, puntualizando que o empresarial é un dos eidos nos que se centra unha das 11 mesas sectoriais que, compostas por expertos en diversas materias, traballan na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. De feito, tal e como explicou, “é un dos ámbitos estratéxicos da promoción social do galego e piar fundamental nesa renovación”.
A xornada, que tivo lugar na bodega Terra de Asorei, en Meis, e na que tamén colabora a Deputación de Pontevedra, desenvolveuse na liña dos valores nos que se centra a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para acadar un Pacto pola Lingua no que, lembrou Valentín García, “se pon o foco en moi distintos eidos e sectores que forman parte da vida dos galegos e galegas para prestixiar o idioma”. Resaltou así “a apertura do proceso para involucrar a distintas entidades”, sendo o presidente do Foro Enrique Peinador, subliñou, un dos coordinadores das comisións establecidas para a renovación do Plan xeral.