- O encontro, organizado pola Xunta de Galicia, celebrarase os vindeiros 27 e 28 de novembro no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, no marco do recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025
- Reunirá a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor nacional e internacional
- Este evento enmárcase no compromiso autonómico co emprendemento ligado ao territorio, que abarca unha folla de ruta con medidas como a Rede de polos de emprendemento ou o proxecto Fixar, que promove os espazos coliving no rural
- As persoas interesadas neste foro poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa www.ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración organizará os vindeiros 27 e 28 de novembro no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil -no concello ourensán de Nogueira de Ramuín- o encontro de emprendemento Ultreia Galicia, emprendemento ligado ao territorio, que reunirá a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor nacional e internacional. Deste xeito, busca conectar iniciativas xa existentes en Galicia co ecosistema emprendedor nacional e internacional no marco do recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025, xunto con Mazovia (Polonia) e Krapina Zagorje (Croacia).
Neste sentido, con este evento, o Goberno galego busca amosar como a innovación pode xurdir do local e proxectarse ao mundo, impulsando un modelo de desenvolvemento sostible e competitivo baseado nos valores do territorio. Un aspecto que o Goberno galego está a potenciar cunha folla de ruta específica coa que busca aumentar o número de persoas emprendedoras no rural, diversificar as actividades económicas da rexión e reforzar a colaboración público-privada neste ámbito, entre outros obxectivos. Faino con medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, o proxecto Fixar para atraer ao rural a nómades dixitais promovendo espazos de coliving e coworking ou este evento Ultreia, entre outras.
No caso do congreso Ultreia, mostraranse casos de éxito e promoveranse redes de colaboración, oportunidades de investimento e a apertura de novas canles de cooperación internacional vencelladas co emprendemento ligado ao territorio.
Con ese fin, o foro articularase en dúas xornadas e arredor de tres eixos estratéxicos clave que reflicten a identidade e o potencial transformador de Galicia e que son o sector primario (agricultura, ganadería e pesca), o dos recursos naturais e o comercio-turismo, que porá en valor a dimensión de Galicia como destino e marca global.
Xornadas e inscricións
Na xornada do 27 de novembro, un grupo de participantes procedentes doutras rexións poderán coñecer o territorio, descubrindo a conexión entre emprendemento, patrimonio e cultura galega. O día seguinte, o 28 de novembro celebrarase a xornada do congreso, aberta a todo o público e con mesas redondas, entrevistas e presentacións de alto nivel distribuídas en tres espazos, que son o de innovación, o de emprendemento e o de Galicia Rexión Emprendedora. As persoas interesadas neste evento poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa www.ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto.