HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López salienta o apoio de 200.000€ para adquirir instrumentos e vestiario...

Luis López salienta o apoio de 200.000€ para adquirir instrumentos e vestiario co que a Deputación recoñece o labor dos “compositores da banda sonora da provincia”

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, participa na clausura dun certame que reuniu no Pazo da Cultura de Pontevedra a 21 bandas de musica populares procedentes de distintos concellos de Galicia

“Cando ensinades á mocidade a tocar un instrumento, cando organizades un concerto no auditorio municipal ou cando acompañades á veciñanza nunha festa estades construíndo unha provincia máis inclusiva, máis integradora e máis xusta”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu ás bandas de música populares dos distintos concellos, vilas e colectivos da provincia e de Galicia como “os compositores da banda sonora da provincia” na clausura da décimo oitava edición do Certame Galego de Bandas de Música Populares que se celebrou esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. O mandatario provincial, acompañado polo deputado de cultura, Jorge Cubela, recoñeceu o labor destas agrupacións para dinamizas a vida social da veciñanza, un labor que motiva o novidoso e valioso apoio que presta a Deputación a estes colectivos por valor de 200.000 euros que poderán destinar á adquisición ou reparación de instrumentos musicais ou de vestiario.

“Imaxinade o pasarrúas da nosa aldea en silencio. Raro, verdade? Que sería das festas patronais sen un Bailaches Carolina ou calquera outro clásico?, dos concertos que aproveitamos para unirnos cos nosos veciños? , das pezas que se tocan nos ascensos dos nosos equipos? Ou dos vídeos que vemos nas redes sociais que nos fan botar de menos á nosa xente?” formulou o dirixente na clausura do certame para poñer en valor a actividade destas bandas. “O que é certo é que todos os que estades neste Pazo da Cultura de Pontevedra, sodes os nosos particulares Hans Zimmer ou Enio Morricone, ou o que é o mesmo, compositores da banda sonora que acompaña a vida social das nosas vilas”, definiu o dirixente provincial.

No auditorio do recinto pontevedrés déronse cita integrantes dun total de 21 bandas musicais populares da provincia e doutros lugares de Galicia. Ao longo de dúas xornadas, a música tradicional sonou na capital da provincia nun certame impulsado pola Federación Galega de Bandas de Músicas Populares, entidade que conta coa colaboración da Deputación cunha axuda concedida este ano por valor de 7.000€. O obxectivo deste encontro, no que por primeira vez participou unha agrupación sudamericana, a Banda Sinfónica Juvenil de Caldas (Colombia), ten como obxectivo dar visibilidade a estas agrupacións musicais e fomentar a calidade, a interpretación musical e a difusión da cultura bandística polo territorio.

Un compromiso compartido coa Deputación que ve nestes colectivos un medio para fomentar a cohesión territorial. “Cando ensinades á mocidade a tocar un instrumento, cando organizades un concerto no auditorio municipal ou cando acompañades á veciñanza nunha festa estades construíndo unha provincia máis inclusiva, máis integradora e, sobre todo máis xusta”, admitiu López, antes de lembrar a resposta provincial para agradecer este valioso labor, que é a aprobación dun novidoso programa de subvencións que supón unha valiosa axuda para que estas agrupacións manteñan a súa actividade.

Un proxecto aprobado este ano que dispón dun orzamento de 200.000 euros entre as agrupacións musicais da provincia que teñan presentada a súa solicitude. As bases recollen que un total de 170.000 euros destinaranse á adquisición ou reparación de instrumentos e os 30.000 restantes, á compra ou arranxo do vestiario. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda dun máximo de 3.000 euros. “Poñedes o voso tempo, o voso talento e moitas veces os vosos recursos ao servizo da xente. E esa achega debe ter unha resposta.O recoñecemento a través destes premios é unha delas, pero de nada serven os galardóns e as boas palabras se non veñen acompañados dun apoio e unha colaboración real”, explicou Luis López un dos motivos da aprobación deste pioneiro programa de colaboración.

“Un recoñecemento e unha colaboración con tantas agrupacións que manteñen vivas a nosa música, as nosas festas e os nosos bailes tradicionais, son un ingrediente indispensable en calquera evento cultural desta terra extraordinaria e que garanten a cohesión social e a oferta cultural e de lecer en tantos concellos e vilas de toda Galicia”, concluíu o mandatario provincial para, finalmente, desexar “unha longa vida” ás bandas de música populares.

Publicacións Relacionadas