HomeVigoMosMarta Larralde conquista Mos nunha Festa do Codillo pasada por auga pero...

Marta Larralde conquista Mos nunha Festa do Codillo pasada por auga pero chea de emoción, sabor e música

- Anuncio -spot_img

A choiva non foi quen de apagar o espírito festivo da XXV Festa do Codillo, que un ano máis converteu o Concello de Mos nun punto de encontro para centos de veciños e visitantes. O ambiente foi extraordinario e despacháronse arredor de 2.000 racións de codillo, nunha xornada que combinou gastronomía, música e tradición.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, cualificou esta edición como “un codillo con sabor a rondallas”, facendo alusión á película “Rondallas”, do director Daniel Sánchez Arévalo, recentemente presentada no Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A rexedora subliñou “o orgullo que sentimos en Mos por ser fonte de inspiración desta película que pon en valor unha das nosas tradicións máis queridas e auténticas”.

O momento máis emotivo chegou co pregón da actriz viguesa Marta Larralde, cun discurso cheo de emoción e agarimo nos que lembrou os bos momentos vividos durante a rodaxe de “Rondallas” na contorna, compartindo anécdotas co público e amosando o cariño que garda pola xente do lugar.

O público rompeu en aplausos cando Larralde demostrou ter “alma de rondalleira” cando se uniu a tocar o bombo xunto ao grupo Airiños do Castelo, facendo gala da súa simpatía, naturalidade e talento.

A alcaldesa destacou “a conexión especial entre Marta e o pobo de Mos e o entusiasmo co que viviu cada momento da festa”.

A xornada completouse co mercado de artesanía, actuacións musicais e un ambiente de convivencia que fixo esquecer a choiva e reafirmou o espírito comunitario desta celebración.

Un ano máis, a Festa do Codillo demostrou que Mos sabe mesturar tradición, emoción e orgullo local, facendo da cultura popular un auténtico motivo de identidade.

Este evento, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, contou coa colaboración do Concello de Mos, a Comunidade de Montes de Mos, a Fundación Pazo de Mos, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Gadis e Froiz.

Publicacións Relacionadas