As axudas, que permitirán a colectivos sen fins de lucro rehabilitar embarcacións tradicionais, aparellos de pesca ou construcións como almacéns, fábricas, estaleiros e embarcadoiros, pódense solicitar ata o 27 de outubro a través da sede electrónica
A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo para optar ás axudas para a recuperación e posta en valor dos bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial da provincia, que se poden solicitar ata o 27 e outubro a través da sede electrónica da institución provincial. A Deputación mobiliza un total de 90.000 euros que poderán recibir aqueles colectivos sen fins de lucro da provincia que sexan titulares destes bens, que en todo caso deben ser de construción e tipoloxía tradicionais e feitos con elementos e procedementos igualmente tradicionais.
En concreto, as subvencións están divididas en tres liñas de actuación. A primeira, para a rehabilitación de embarcacións tradicionais co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de conservar elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. A segunda, para a restauración e conservación de aparellos de pesca e outros elementos vinculados á cultura marítimo-fluvial. Por último, unha terceira liña para construcións e instalacións en terra, como almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras, ou mostras da arquitectura industrial e popular marítimo-fluvial na provincia, para ser reconvertidas en espazos culturais. Todas as accións de restauración e conservación deberán redundar na posta en valor dos bens patrimoniais intervidos.
O importe máximo da subvención para cada actuación non poderá superar o 80% do orzamento total e, en calquera caso, os 10.000 euros (agás no caso de non esgotarse o crédito e baixo criterios de proporcionalidade, pero sen superar o 80% citado anteriormente). Cada entidade poderá presentar unha soa solicitude, que irá acompañada de documentación como a memoria explicativa da actuación que se pretende desenvolver, así como o orzamento de gastos e ingresos ou a acreditación da titularidade do ben obxecto de rehabilitación ou mellora, entre outras. As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.