O certame, impulsado polo Inorde, reúne a corenta cociñeiros e cociñeiras de toda Galicia que desde hoxe ata mañá, darán conta do talento culinario das catro provincias galegas a través das súas elaboracións onde son protagonistas a tradición, a creatividade e o produto local
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas, na inauguración deste certame que será, unha vez máis, un “auténtico escaparate da calidade agroalimentaria ourensá”
O IV Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia converte á Ribeira Sacra na capital enogastronómica galega. O certame, impulsado polo Inorde, reúne a corenta cociñeiros e cociñeiras de toda Galicia que desde hoxe ata mañá, darán conta do talento culinario das catro provincias galegas a través das súas elaboracións onde son protagonistas a tradición, a creatividade e o produto local.
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, na inauguración deste campionato que, unha vez máis, será “un auténtico escaparate da calidade agroalimentaria ourensá”. Ademais, “permítenos proxectar a nosa provincia como destino enogastronómico de calidade, tanto a través do talento dos chefs participantes como das elaboracións das súas tapas e pinchos que apostan por usar produtos quilómetro 0”, unha das liñas de traballo do goberno provincial, a través do Inorde.
Cabe destacar que na ruta de tapas e pinchos realizado previamente ao campionato, no que participaron once locais de Ourense e das localidades de Allariz, O Pereiro, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, “volvemos a cumprir o obxectivo de promocionar a hostalaría da cidade e do rural ourensán, así como atraer novos clientes aos establecementos participantes”.
O presidente do Inorde agradeceu a implicación e o compromiso dos chefs ourensáns por ofrecer unha variada e rica oferta gastronómica, así como a todos os participantes procedentes das outras provincias galegas, por compartir o seu talento e creatividade a través das súas elaboracións.
No acto inaugural tamén participou alcalde de Esgos, José Antonio Blanco; a xerente do Inorde, Emma González; e o presidente de la Academia de la Tapa y del Pintxo, Mikel Martínez; así como representantes das empresas patrocinadoras.
O campionato, que poderá seguirse en directo a través de academiadelatapa.com, dará a coñecer mañá martes, 21 de outubro, aos gañadores. Os premios desta edición contemplan unha dotación total superior a 3.000 euros en produtos. Deste modo, o primeiro clasificado recibirá 1.500 euros en produtos Hermi, o segundo 1.000 euros en produtos Ibercook Food Service; e o terceiro, 500 euros en produtos de CienPorCiel. Ademais, outorgaranse outros recoñecementos que premiarán distintas categorías gastronómicas.