A institución provincial facilita así que esta iniciativa alcance a todos os concellos da provincia, ampliando a inscrición ata o 24 de outubro
A Deputación de Ourense abre un prazo excepcional de inscrición para participar no Plan de Lectura provincial, de modo que os concellos da provincia que non se adheriron en tempo e forma no primeiro prazo podan facelo antes do día 24 de outubro, incorporándose así a esta iniciativa de fomento da cultura entre a mocidade de todos os concellos ourensáns.
Na primeira quenda de inscrición xa se inscribiron 85 concellos, e agora, coa apertura deste novo prazo poderán adherirse A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Entrimo, Manzaneda, Porqueira, Ramirás e Vilardevós.
Co Plan de Lectura provincial, impulsado pola Deputación de Ourense, os menores de idade empadroados en concellos da provincia poden xa optar a axudas para adquisición de libros en establecementos comerciais adheridos ao programa.
Este Plan, cuxo investimento ascende a 350.000 euros, ten o obxectivo de potenciar os hábitos de lectura e o acceso á cultura entre os mozos ourensáns.
Tal e como recollen as bases do programa, no que colabora o Concello de Ourense, as adquisicións de libros realizarase ata o 20 de decembro de 2025. Para poder recibir a axuda deberá realizarse unha solicitude a través de https://plandelectura.depourense.gal.
As axudas, que consisten nun libro por persoa cun custo máximo de 20 euros, poden solicitarse nos establecementos comerciais que se adheriron ao programa. Trátase de máis de medio cento de librerías de toda a provincia as que se uniron ao plan. O listado dos establecementos está dispoñible na web do Plan de Lectura.
O Plan de Lectura provincial está destinado aos mozos da provincia nados no ano 2007 en adiante, empadroados en algún concello da provincia de Ourense. As axudas son compatibles con calquera outra que puidese percibir coa mesma finalidade doutras institucións públicas ou privadas.