HomeDeputaciónsDeputación OurenseO Obradoiro de Teares do CCP “Xaquín Lorenzo” da Deputación mostra os...

O Obradoiro de Teares do CCP “Xaquín Lorenzo” da Deputación mostra os traballos do alumnado nunha exposición na Biblioteca “Nós”

- Anuncio -spot_img

O vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, participou hoxe na inauguración desta mostra que conta con máis de 50 pezas elaboradas con técnicas tradicionais que se poderá visitar ata o 22 de novembro

O Obradoiro de Teares do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” mostra os traballos do seu alumnado, dirixido pola artesá Concha Outeiriño, a través dunha exposición na Biblioteca “Nós” que está integrada por máis de 50 pezas elaboradas con técnicas tradicionais.

O vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, participou hoxe na inauguración desta mostra que “da boa conta da calidade formativa que ofrece este Obradoiro, á vez que pon en valor a tradición e a historia galega a través dos teares que empregan o alumnado para realizar os seus traballos”. No acto tamén participou a directora da Biblioteca, Rosa Mª Díaz; e a monitora do Obradoiro, Concha Outeriño, así como parte do alumnado.

Este obradoiro, que o CCP “Xaquín Lorenzo” leva organizando anualmente dende 2005, ten como obxectivo a formación do alumnado no uso de teares artesanais e que permite a elaboración de tecidos que a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo emprega para a reprodución de vestiario tradicional galego utilizado en exposicións e actuacións dos diferentes grupos da Escola, ao tempo que reserva un espazo para a innovación creando pezas de uso moderno seguindo modelos e técnicas tradicionais.

Fol e flocos de gaita, faixas, chalecos, saias, panos e chales, bufandas, pés de cama e coxíns, alfombras, bolsos, manteis e cortinas, feitos con puntos de adamascado, tafetán, sarga, gorullo ou panamá, son algunhas das pezas que se poderán admirar nesta exposición e que son exemplo do que o alumando é capaz de elaborar despois dos catro anos de formación no Obradoiro de Teares.

A exposición estará aberta ao público ata o 22 de novembro no seu horario habitual, de 9.00 a 21.00 de luns a venres; e de 10.00 a 14.00 os sábados.

Publicacións Relacionadas