HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal pon en marcha a nova campaña de residuos con postos...

O Rosal pon en marcha a nova campaña de residuos con postos informativos sobre compostaxe e reciclaxe de aceite doméstico

- Anuncio -spot_img

O Concello anima á veciñanza a inscribirse nas modalidades de compostaxe doméstica e comunitaria a través da web municipal para participar nas charlas informativas e recibir o seu composteiro

O Concello do Rosal vén de poñer en marcha unha nova campaña de xestión sostible dos residuos, centrada na compostaxe doméstica e comunitaria e na recollida de aceite doméstico usado. O obxectivo é fomentar a participación cidadá na redución dos refugallos e avanzar cara a un modelo máis circular e respectuoso co medio.

O lanzamento da campaña tivo lugar coincidindo coa Festa do Pilar e do Outono, cunha primeira acción informativa no centro da vila. Durante a feira de produtos locais e de temporada, instaláronse dous postos divulgativos, un dedicado á compostaxe e outro á reciclaxe de aceite doméstico, nos que se ofreceron explicacións e asesoramento directo sobre como participar nas diferentes iniciativas municipais.

“Con esta iniciativa queremos implicar á veciñanza na construción dun municipio máis limpo e sostible. A compostaxe non só reduce a cantidade de residuos que xeran os fogares, senón que tamén promove un modelo máis respectuoso coa nosa contorna e contribúe á economía circular”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora animou a todos os rosaleiros e rosaleias a participar, xa que “cada pequeno xesto suma para facer do Rosal un lugar máis verde e responsable”.

A campaña inclúe dúas vías de participación:

  • Compostaxe doméstica, dirixida a persoas con vivenda unifamiliar e horta ou terreo, que poderán recibir un composteiro e material de apoio tras asistir a unha pequena charla formativa.
  • Compostaxe comunitaria, pensada para quen viva en pisos ou zonas sen espazo propio, con puntos de compostaxe compartidos nos diferentes barrios e parroquias, e acompañamento técnico municipal.

A veciñanza xa pode inscribirse a través da páxina web de Medio Ambiente do Concello do Rosal para participar e recibir toda a información sobre as próximas sesións informativas e entregas de material.

Con esta iniciativa, o Concello do Rosal reforza o seu compromiso coa sostibilidade, a redución de residuos e a economía circular, implicando á cidadanía na construción dun municipio máis limpo, verde e responsable.

As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Publicacións Relacionadas