HomeOurenseO Concello impulsa unha nova ordenanza para adaptarse á nova Lei de...

O Concello impulsa unha nova ordenanza para adaptarse á nova Lei de residuos e actualiza as súas tarifas

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou onte nunha sesión extraordinaria o proxecto de ordenanza reguladora das tarifas do servizo de recollida e xestión de residuos. Ten como obxectivo adaptarse á Lei estatal 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga a que o servizo municipal sexa economicamente sostible e as tarifas cubran o seu custe real. No caso de Ourense, as tarifas permanecían sen cambios desde 2013 e non cubrían o custe do servizo. O custe total do servizo de recollida e tratamento de residuos ascende a 11,9 millóns de euros fronte aos 8,9 millóns que se recadan na actualidade.

As tarifas previstas neste novo proxecto de ordenanza reflicten o custe real, cun incremento “máis importante no relativo que no absoluto”, explican desde o goberno municipal, que subliñan que se trata dun cambio “que é necesario facer por lei”. No caso das vivendas, o incremento será de 4,61 euros mensuais nas zonas que dispoñen de servizo de recollida diario, e de 2,10 euros ao mes no das vivendas sen servizo diario. A tarifa anual será 181,02 €, e 82,50 €, respectivamente.

A ordenanza inclúe tamén as tarifas correspondentes a diferentes usos comerciais e industrias e de servizos, con epígrafes específicos para establecementos de espectáculos públicos, de actividades recreativas, aloxamentos, alimentación, educación, sanidade, relixiosos e asistenciais, e outros, con diferentes importes en función da natureza e destino e, no seu caso, da superficie ou ocupación dos inmobles. Segundo o previsto na lei, implántanse sistemas de “pago por xeración”, de xeito que O incremento será maior en porcentaxe no caso de grandes produtores de residuos e menor nos de usos comerciais que producen poucos .

Bonificacións ecolóxicas e sociais

A ordenanza que impulsa o goberno municipal establece unha bonificación do 100% para unidades de convivencia en risco de exclusión social.

Tamén outra, do 50 % da cota, para as persoas usuarias que participen en programas de compostaxe doméstico ou comunitario ou de separación e recollida separada de materia orgánica compostable promovidos polo Concello ou por outras entidades públicas con competencias na materia.

Tamén terán unha bonificación do 10 % da tarifa anual as persoas usuarias de vivendas que, no exercicio anterior, realicen un mínimo de seis entregas de residuos voluminosos no punto limpo fixo, sempre que as  entregas alcancen, en conxunto, un mínimo anual de 25 quilogramos de peso.

O proxecto de nova ordenanza seralles remitido aos grupos políticos municipais, que terán a posibilidade de formular emendas nun prazo de 10 días hábiles. No caso de presentarse emendas, estas debatiranse en comisión de pleno, que ditaminará o proxecto de ordenanza que se elevará a pleno para a súa aprobación inicial e posterior apertura dun período de información pública durante 30 días antes da súa aprobación definitiva.

Publicacións Relacionadas