O espectáculo “Castelao” representarase a cargo da compañía Culturactiva Producións no Auditorio municipal ás 12:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 23 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello do Grove da man dun espectáculo para toda a familia sobre Castelao a cargo da compañía Culturactiva Producións. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Castelao” representarase no Auditorio municipal a partir das 12:00 horas e trátase dun espectáculo que ten por obxectivo achegar a figura de Castelao e a súa importancia na historia das artes de Galicia aos máis pequenos. Esta proposta escénica, da que pode gozar toda a familia, conta co texto de Paula Carballeira, coa dirección de Fina Calleja e con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.