- Luis López explicou que entre os principais investimentos que se levarán a cabo no concello de Pontevedra, destacan os 14,22 M€ para a construción de Vivendas de Promoción Pública, co compromiso de chegar a máis de 2.000 centradas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda.
- O dirixente popular indicou que, unha vez máis, a Xunta amosa o seu compromiso, con investimentos tan importantes como é o novo Montecelo, que entra na súa fase final e que conta cunha partida de preto de 32,2 M de euros.
- Na mesma liña, o presidente provincial detallou que o orzamento global para a provincia supera os 4.083 M€, dos cales 149 M€ son para vivenda, 135 M€ para políticas sociais, 127 M€ para auga, saneamento e depuradoras, 62 M€ para mobilidade, e 55M€ para infraestruturas e dotacións sanitarias, entre outras partidas.
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe os orzamentos da Xunta para Pontevedra e a súa comarca, que superan os 95M€, nos concellos de Pontevedra, Caldas e Morrazo, cunha forte aposta polo desenvolvemento das infraestruturas e no que se refire á promoción de vivenda pública e a sanidade.
Entre os principais investimentos que se levarán a cabo na área de influencia de Pontevedra destaca no concello de Pontevedra, os máis de 14,22 M de euros que se destinarán á construción de Vivendas de Promoción Pública, con 300 xa en marcha en Pontevedra e o compromiso de chegar a máis de 2.000 centradas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda.
Ademais, a consellería de Vivenda e Infraestruturas destinará unha partida de máis de 38 M€ en axudas para a promoción de vivendas (cohousing) en Pontevedra e Porriño e investirá 13 M€ en desenvolvemento de solo para vivenda protexida en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Marín.
Outro dos grandes protagonistas nestes orzamentos é o novo Montecelo, que entra na súa fase final e que conta cunha partida de preto de 32,2 M de euros. O convento de Santa Clara (1,5 M); os traballos de mellora da eficiencia enerxética no edificio administrativo e na sede da AGASP (preto de 1 M en total); a ampliación do Campiño (1,6 M); o CIF e a rehabilitación de Lourizán (1,4 M en total).
Os investimentos en fomento do deporte, como a mellora da piscina do CGTD, a mellora dos pantaláns do campo de regatas de Verducido, ou o investimento no Centro de Alto Rendemento de Galicia (1,25 M en total); a construción dun novo parque canino (85.000 euros).
A dragaxe do Río Lérez (500.000 euros, dos preto de 9 millóns que se investirán); o novo Punto de encontro Familiar (500.000 euros); ou a remodelación dos Xulgados da Parda (123.600 euros), son outros dos grandes investimentos previstos para a cidade.
Actuacións na área de influencia, Caldas e Morrazo
Os traballos no CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (711.000 euros), en Campo Lameiro; o Centro de Saúde de Barro (900.000 euros); a rehabilitación e mellora do peirao O Meixoeiro (650.000 euros); a nave da Sociedade Deportiva Tirán (190.000); o Centro de Saúde de Moaña (2,2 M); o Centro de Saúde do Morrazo, en Cangas (600.000 euros); e a reparación da capela e a mellora dos espazos de uso público da illa de Ons, no concello de Bueu, pechan a lista de grandes investimentos na área de influencia de Pontevedra e o Morrazo.
Na zona de Caldas de Reis, investirase na prevención das inundacións derivadas do cambio climático nos ríos Ulla-Sar, o que afecta directamente ao concello de Valga. No mesmo concello, a consellería de Medio Rural investirá nun novo aeródromo e unha nova base de unidades operativas para loitar contra os incendios. Ademais, os orzamentos contemplan unha achega de 140.000 euros para a mellora do IES de Valga. Tamén en educación, cabe destacar a importante actuación de máis de 1,5 M de euros que xa se está a realizar no IES Plurilingüe Aquis Celenis. O investimento no Centro de Saúde de Caldas de Reis e a mellora enerxética dos xulgados, con 600.000 e 483.000 euros orzamentados respectivamente.
Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos, como as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.
Luís López indicou que todas estas actuacións reflicten o compromiso da Xunta cos galegos e as galegas e a necesidade de seguir apostando por sectores especialmente sensibles como a comunicación, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación. “A premisa é mellorar a calidade de vidas dos nosos cidadáns e a Xunta está enfocada niso, poñendo todo o seu esforzo na procura do seu benestar. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de millares de veciños de Pontevedra e a súa comarca”, finalizou o presidente provincial.
Provincia de Pontevedra
Na mesma liña, o presidente provincial detallou que “onte coñecemos os orzamentos da Xunta para a nosa provincia que este ano superan os 4.083 M€, dos cales 149 M€ son para vivenda, 135 M€ para políticas sociais, 127 M€ para auga, saneamento e depuradoras, 62 M€ para mobilidade, 55M€ para infraestruturas e dotacións sanitarias, 18M€ para centros educativos, 11M€ para parques empresariais e 5M€ para investimentos culturais”, entre outros.