Acompañados de concelleiros e equipo técnico, os dous membros visitaron algúns dos proxectos levados a cabo no último ano, como o novo Espazo Isaura Gómez ou a transformación de Estás
Tomiño consolidase como un referente en mellora ambiental e paisaxística, combinando espazos verdes, conservación do patrimonio e proxectos innovadores que poñen ao municipio nunha posición de vangarda dentro de Galicia. Neste camiño, o Concello participa por quinto ano consecutivo no programa Vilas en Flor, unha iniciativa da Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes.
Dous membros do xurado visitaron a pasada semana a vila tomiñesa para coñecer de primeira man o traballo realizado polo Concello no último ano, desde a renovación e recuperación de espazos públicos para as persoas ata a creación de novos espazos culturais e sostibles, pasando por proxectos medioambientais pioneiros ou unha aposta decidida pola mellora da eficiencia enerxética a todos os niveis no municipio.
A visita comezou cunha presentación no Salón de Plenos, onde se fixo un balance do traballo feito e se lles amosaron as intervencións e proxectos desenvolvidos nos últimos doce meses acompañados pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, así como pola paisaxista e responsable dalgúns destes novos proxectos Sinda Davila e de técnicos municipais de medio ambiente.
Tras a reunión, edís e equipo técnico percorreron xunto cos dous membros do xurado dous puntos clave destes proxectos de transformación: por un lado, o Espazo Isaura Gómez, un edificio multiusos pioneiro deseñado cunha planificación sostible con sistemas intelixentes para garantir a máxima autonomía e eficiencia e un dos primeiros edificios públicos da comarca en acadar a clasificación PassivHouse; por outro lado, a Praza de Estás, recentemente transformada para recuperar espazos de encontro accesibles, seguros e integradores. A intervención en Estás, deseñada polo arquitecto tomiñés Xabier Pousa e coa planificación paisaxística de Sinda Davila, incorporou arborado estratéxico, elementos patrimoniais e un deseño que favorece a mobilidade peonil e a seguridade.
Durante a xornada, o xurado tamén puido coñecer outros proxectos innovadores postos en marcha no último ano, como o uso de ovellas para controlar flora invasora na Rede Natura 2000, as campañas de protección de andoriñas en colaboración con Anabam, a recuperación de espazos etnográficos a través do Obradoiro de Emprego ‘O noso patrimonio’, as novas rutas de sendeirismo e cicloturismo, a entrega de máis de 1.300 árbores autóctonas para a repoboación das franxas secundarias ou a Semana do Medio Ambiente co seu amplo programa de actividades.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “dende o ano 2019, cando conseguimos as dúas primeiras flores, o programa Vilas en Flor converteuse nun eixo das nosas políticas de mellora ambiental e urbanística. A recuperación do espazo público para as persoas, a conservación do noso patrimonio natural e cultural e a promoción da educación ambiental son compromisos fundamentais do Concello para deixar un Tomiño mellor ás futuras xeracións. A participación este ano reafirma a nosa vontade de seguir innovando e poñendo en valor cada recuncho do noso municipio”.
Con esta participación, Tomino aspira a manter e ampliar as súas castro Flores de Honra, consolidando así o seu compromiso coa xestión sostible, a mobilidade peonil, a integración do patrimonio e a creación de espazos verdes de calidade que favorezan a cohesión social e o desenvolvemento económico a través do viveirismo e outras iniciativas locais.