Representantes do audiovisual discutirán este domingo a viabilidade de series de proxección internacional inspiradas no noso pasado
Moi poucos galegos saben que Santiago lle disputou á mesma Roma a sede papal, ou que o Duque de Lancaster chegou a ser rei no século XIV dunha Galicia aliada a Portugal. Estes son un par de exemplos dos moitos feitos que agocha a nosa historia, que poucos de nós coñecemos e que algúns cineastas quere explotar a nivel internacional. A cita para falar da produción dun Xogo de Tronos galego terá o próximo domingo 26 de outubro no castelo de Soutomaior, durante a II Xornada Manoel Vello A historia de Galicia como motor cinematográfico, organizada pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello en colaboración co concello de Soutomaior e Deputación Provincial.
O acto comezará ás 12:00 horas coa benvida do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e da presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, Carolina Silva. Trala apertura chegará a quenda da intervención do investigador histórico José Manuel Barbosa, autor de “A evolución histórica dos limites da Galiza” e de “Porque que caiu a Galiza?”. Barbosa arrancará contándonos feitos da nosa historia descoñecidos para a maioría dos galegos e que ben se poderían levar ao cine en virtude tanto da súa repercusión na construción europea como na súa capacidade dramática.
Pola súa banda, o director e escritor Tomás Martínez e Iago de Sants, director de cine de inmersión, exporán, xunto co escritor de novela histórica César Pazos, as posibilidades reais de converter en filme a nosa historia e distribuíla polos circuítos ou plataformas internacionais.
Fomos moito máis do que nos contaron
César Pazos, impulsor desta xornada, explica a súa finalidade: “O noso país non se coñece a si mesmo e a mellor forma de facelo é a través do cine”. Porque “antes a xente contaba as historias ao redor do lume, pero hoxe fano a través do cine”, engade.
“Imaxina aos nosos celtas e cabaleiros armados, a Galicia indómita e as súas lendas, os amantes, os traidores, os deuses antergos, os santos cristiáns, os guerrilleiros erguéndose entre luces de cámara e guións, para lembrar que fomos moito máis do que nos contaron”, pídenos César Pazos, aclarando que “a II Xornada Manoel Vello non é unha mesa de cine”, pois “é un chamamento aos que cren que a nosa historia ten que ser contada como nunca antes”.