• Esta produción de Noitebras Teatro xa foi seleccionada en diferentes festivais nacionais e internacionais
O sábado 25 de outubro, ás 20:30h o Centro Cultural da Guarda acollerá a representación da obra “NOITEBRAS”, unha produción de Noitebras Teatro. A entrada é de balde e a obra está recomendada para público adulto.
Un home ten recluída a unha muller sen estar moi claro o motivo. Tanto el coma ela parecen ter asuntos que ocultarse que tarde ou cedo irán saíndo á luz. Aínda que a muller é a prisioneira, non tardará en decatarse de que ten máis poder sobre o seu raptor do que pensaba e decidirá utilizalo para intentar manexar a estraña situación na que se ve envolta. Desátase entre eles unha loita psicolóxica por tomar o control da situación.
Noitebras Teatro presenta este psicothriller na Guarda, tras a presentación marzo da súa obra Mentalmorbose. A obra que presentan agora xa foi seleccionada en diferentes festivais de teatro de Galicia, Extremadura, Cataluña, Euskadi, Alemania ou Estonia.
Deste xeito, A Guarda continúa coa súa aposta polo teatro, tamén de pequenas compañías aficionadas para que o público desfrute dunha oferta cultural variada.