HomeXunta de GaliciaA Xunta abre este venres o prazo das axudas ás cancelacións en...

A Xunta abre este venres o prazo das axudas ás cancelacións en establecementos turísticos polos incendios forestais do pasado verán

- Anuncio -spot_img

A convocatoria, en concorrencia non competitiva, informa que o Goberno autonómico poderá cubrir ata un 25% da perda de facturación cun límite ata 2.500€

Turismo de Galicia abrirá o vindeiro venres 24 de outubro ás 8:00 horas o prazo de solicitude das subvencións para paliar as perdas económicas derivadas das cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico afectados polos incendios forestais do verán de 2025. A liña de achegas, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, forma parte dun paquete maior de medidas centradas no sector turismo. Está dotada cun total de 650.000€ e sufragará ata un 25% da perda de facturación cun límite ata 2.500.

En concreto, as axudas están destinadas a aqueles establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos situados nun dos concellos afectados pola activación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia en situación 2. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares destes establecementos. No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa.

Ata o 24 de novembro

No referido aos importes, son susceptibles de ser cubertas as perdas por cancelacións nestes aloxamentos que se producisen entre o 28 de xullo e o 31 de agosto de 2025. A cantidade máxima a percibir será dun 25% do importe equivalente á perda de facturación sufrida durante o período de referencia en comparación co mesmo período do ano anterior, ata un límite máximo de 2.500€ por persoa beneficiaria, IVE excluído.

O procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e efectuarase segundo a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, ata esgotarse o orzamento previsto. O prazo de solicitude é dun mes. O texto completo pódese consultar no Diario Oficial de Galicia.

Paquete de medidas

Esta liña de subvencións é unha das medidas específicas deseñadas pola Xunta de Galicia para mitigar o efecto da vaga de lumes do verán no sector turismo. A finais de setembro presentouse a campaña promocional E se a calidade fose un lugar?, outra das medidas posta en marcha, destinada a poñer en valor a imaxe de Galicia.

Ademais, está previsto lanzarar un novo programa de produtos turísticos, da man da Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi) e no que a Xunta financiará parte do custo de estancias ou experiencias para promover as pernoctacións e as visitas a zonas afectadas. Está tamén en marcha o reforzo na promoción de iniciativas xa existentes e vixentes nestes meses que fomentan a desestacionalización e a redistribución do destino, como o Outono Gastronómico ou o Bono Turístico.

Publicacións Relacionadas