HomeXunta de GaliciaPreto de 80 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil reciben material da...

Preto de 80 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil reciben material da Xunta este ano

- Anuncio -spot_img
  • Benefícianse da orde para a adxudicación de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con estes colectivos
  • Entre o material que cedIdo figuran 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas e 10 tendas de campaña que suman un investimento de case 350.000 euros

O Diario Oficial de Galicia  publica hoxe a resolución da orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC). Un total de 77 municipios resultaron beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina preto de 350.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027,

Segundo a resolución publicada, cédense 35 kits de material loxístico de seguridade viaria a 12 concellos da Coruña, sete de Lugo, nove de Ourense e sete de Pontevedra; e 32 kits de ferramentas eléctricas a 10 municipios da Coruña, cinco de Lugo, 11 de Ourense e seis de Pontevedra. Completan o material cedido 10 tendas de campaña para atención ás emerxencias, das que unha irá para A Coruña, tres para Lugo e seis para Ourense.

As entidades locais beneficiarias ás que, a través desta resolución, se lles concede o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción da comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión do material será de tres meses desde a súa recepción.

Esta convocatoria forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do equipamento necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, co obxectivo de reforzar a súa capacidade de resposta e garantir unha actuación eficaz e segura ante situacións de risco.

Cómpre lembrar que nos últimos anos, pese a que os servizos de emerxencias son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- o Goberno galego leva investidos máis de 27 millóns de euros en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade como estas AVPC ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

No caso das AVPC, esta orde complementa a outra anual, que  neste exercicio se incrementou a 370.000 euros, destinada a sufragar os seus gastos de funcionamento. Neste caso, a resolución publicouse en maio con case 200 colectivos beneficiarios.

Publicacións Relacionadas