Integrantes de Fogaric@s participaron no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente promovido por UNICEF Galicia para debater sobre retos do mundo dixital e o seu impacto na saúde mental
Nun contexto no que o mundo dixital forma parte da vida cotiá desde moi cedo, a mocidade do Rosal aposta pola reflexión e a divulgación. Integrantes do grupo de participación infantil e xuvenil rosaleiro, Fogaric@s, participaron a pasada fin de semana en Nigrán no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, organizado por UNICEF Galicia, xunto a máis de 50 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos de 8 Cidades Amigas da Infancia e do Consello Autonómico de Participación Infantil (CAIA), ao que tamén pertence un dos fogaricos rosaleiro.
O encontro centrouse en explorar os retos e oportunidades do mundo dixital, dando ás e aos participantes ferramentas para protexer a súa saúde mental, reforzar a igualdade e promover unha autoimaxe positiva. Durante os obradoiros, reflexionaron sobre ciberacoso, desigualdades nas redes, publicidade, influencers e o impacto do contido dixital na autoestima.
“As redes poden axudar a reducir o illamento, pero tamén poden ferir. É necesario que as empresas detrás delas asuman a súa responsabilidade”, afirmou Elda, de 14 anos e integrante de Fogaric@s. Elda subliñou ademais que “é preciso difundir os mecanismos e as vías de axuda, tanto para as persoas adultas como para nenos, nenas e adolescentes”.
Entre as súas propostas, os rapaces e rapazas suxiren filtros contra o discurso de odio, verificación de contas con DNI e correo electrónico e maior educación dixital, para previr o ciberacoso, o bullying, o sexting ou a sextorsión. Tamén consideran esencial que as administracións sensibilicen sobre as desigualdades nas redes e que influencers e anunciantes desempeñen un rol activo na loita contra a discriminación.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o compromiso da mocidade rosaleira. “É emocionante ver como a nosa infancia non só participa, senón que lidera debates sobre temas que nos afectan a todas e todos. Fogaric@s demostra que a participación infantil é un motor real de cambio social”, destacou a rexedora.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, salientou que estes encontros son unha oportunidade de aprendizaxe e crecemento. “Estes obradoiros son unha escola de democracia. A infancia non é o futuro, é presente, e dende o Rosal queremos seguir impulsando espazos onde poidan expresarse e ser escoitados”, recalcou.
Os resultados deste encontro plasmaranse nun manifesto que será presentado no Parlamento de Galicia o 21 de novembro, ante o presidente da cámara, os grupos parlamentarios e representantes da Xunta de Galicia. Ademais, os participantes gravaron un podcast xunto á xornalista Lucía Regueiro e á coordinadora de UNICEF Galicia, Irene Marín, no que debateron sobre ciberacoso, videoxogos, igualdade de xénero e saúde mental.
Este encontro reafirma que a mocidade do Rosal non só navega nas redes, senón que tamén quere transformalas en espazos seguros, críticos e inclusivos.