• Pide que se actualice a análise realizada no 2021 cun estudo que permita detectar se algún deses levantamentos “está nunha situación precaria ou de risco para os peóns”
• Advirte que un dos muros do Convento de Belvís ten evidenciado certo abombamento
Coa chegada das precipitacións e ventos de maior intensidade, as prioridades na axenda política municipal semellan centrarse agora en reducir ao mínimo o risco de incidencias. Neste sentido, Gonzalo Muíños propuxo este xoves que se realice unha revisión do estado e conservación de todos os muros da cidade: “un estudo que afecte tanto a muros de separación como de contención, así como a muros municipais ou privados, para detectar se algún deses levantamentos está nunha situación precaria ou de risco para os peóns” detallou.
A petición chega logo de recibir varias denuncias de persoas que transitan pola rúa de Belvís que, segundo Muíños, terían detectado certo “abombamento” dun dos muros que afectaría ao convento. “Estamos falando dunha contorna escolar de paso habitual de familias que recollen e deixan as súas crianzas no centro situado nas proximidades do edificio, polo que cómpre dar seguridade” apunta Muíños que, aínda admitindo que se trata dun muro privado, “é preciso actuar desde a administración local para garantir a seguridade dos viandantes”.
Muíños reclama que se acometa unha “inspección a fondo” do estado de tódolos muros, “analizar as posibles patoloxías e buscar as solucións máis adecuadas” cun estudo que viría a actualizar a análise realizada no 2021 durante o goberno de Sánchez Bugallo. A partir deses datos, o concelleiro non adscrito propón elaborar un plan de mantemento que permite prever vales van ser os problemas e atopar a mellor forma de facerlles fronte “mediante unha labor continua”.



