A alcaldesa abordou a transformación do municipio a través dos proxectos
Ribeira tivo presenza no terceiro Foro Urbano de España celebrado na Coruña entre os días 22 e 23 de outubro. A alcaldesa, María Sampedro, participou neste Foro de encontro periódico e institucional co obxectivo de intercambiar coñecementos e experiencias arredor da Axenda Urbana. A cidade “sempre apostou pola innovación, a sostibilidade e a transformación dixital”, en palabras da rexedora, quen quixo demostrar o modelo de planificación estratéxica a través de diferentes proxectos.
Ribeira Atlántica 2015 marcou a folla de ruta para definir o futuro da cidade, dándolle continuidade co Máis Ribeira Atlántica apostando pola Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI), ambos financiados con fondos Feder.
O novo paradigma que trouxo consigo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aplicados ao territorio, impulsaron a Axenda Urbana de Ribeira Atlántica para, nos anos posteriores, financiar actuacións definidas no Plan de Acción Local da Axenda Urbana a través de Fondos Next Generation e optar a continuar avanzando na construción dunha cidade máis conectada, inclusiva e resiliente mediante Estratexias de Desenvolvemento Integrado Local Ribeira Atlántica coa mirada posta xa no 2030.
A mandataria local explicou ante os asistentes que a Axenda Urbana de Ribeira Atlántica se fundamenta nuns obxectivos específicos como son incorporar políticas urbanas que posibiliten deseñar “o futuro dunha Ribeira Atlántica máis sostible económica, social e medioambientalmente” e aproveitar o coñecemento e sinerxías xeradas en canto a innovación, financiación, gobernanza e transparencia, contando cos actores civís, económicos e empresariais.
“É unha cidade que busca de forma sistemática e deliberada facer cousas novas ou facer as mesmas cousas de maneira diferente, plantexándose retos significativos e desafíos que aporten valor á cidadanía e á sociedade no seu conxunto e dándolles resposta a través de proxectos de innovación e desenvolvemento urbano”, remarcou.
Ao longo dos últimos anos procedeuse á colocación de 9.000 puntos de luz LED, 8 plantas fotovoltaicas, a rehabilitación da casa consistorial, a reforma integral do conservatorio de Aguiño, pasos peonís intelixentes, baños públicos intelixente e autolimpiables, cartelería dixital, programa WiFi4EU, posta en marcha da Aula CeMIT e os contedores intelixentes refrixerados do mercado municipal, ademais de erixirse como Destino Turístico Intelixente coa plataforma de cidades Smart Cities.
“Sempre coa mirada posta nunha Ribeira intelixente, eficiente, turística e humana”, concluíu.



