“Avanzamos na mellora da calidade de vida das nenas e dos nenos, do persoal educativo e das familias, das persoas usuarias deste espazo que cumpre unha función esencial para o conxunto da provincia: dar apoio, educación e oportunidades a quen máis o necesita”, remarcou o vicepresidente provincial
O deputado delegado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, detallou que con estes recursos “crearemos un espazo vangardista, innovador, máis seguro, sostible, habitable e accesible, que suporá reducir o consumo de enerxía nun 50% e das emisións de CO2 nun 45%”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de anunciar un investimento de 3,6 M€ para mellorar a eficiencia enerxética no Centro Infantil Príncipe Felipe. “Non soamente imos mellorar a eficiencia enerxética senón que imos avanzar na mellora da calidade de vida das nenas e dos nenos, do persoal educativo e das familias, das persoas usuarias deste espazo que cumpre unha función esencial para o conxunto da provincia: dar apoio, educación e oportunidades a quen máis o necesita”, remarcou o vicepresidente provincial.
“Este é un proxecto moi importante para a Deputación e para Pontevedra”, asegurou Domínguez quen engadiu a firme “aposta da institución provincial polas persoas, situándoas no centro de todas as decisións, así como o compromiso coa modernización de Príncipe Felipe para convertelo nun espazo máis sostible e accesible”. Neste eido fixo fincapé en que “cada euro que investimos aquí revirte directamente en Pontevedra, na provincia e no futuro de moitas familias” e por iso avanzou que “seguiremos traballando para que Príncipe Felipe continúe sendo un símbolo da nosa política social e educativa, e un orgullo para todos os pontevedreses”.
Pola súa banda, o deputado delegado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, detallou que con estes recursos “crearemos un espazo vangardista, innovador, máis seguro, sostible, habitable e accesible, que suporá reducir o consumo de enerxía nun 50% e das emisións de CO2 nun 45%”. Deste xeito, tal e como explicou o deputado, mellorarse a envolvente térmica, coa substitución das carpinterías, e instalarase unha nova fachada, máis eficiente e moderna. Tamén se dotará ao recinto de iluminación led, reformarase o acceso principal para que sexa accesible, mellorarase o sistema de evacuación de augas e os acabados interiores, impermeabilizaranse patios e cubertas, executarase unha nova zona de xogos, crearase unha sala polivalente e, entre outras moitas cuestións, construirase un aseo adaptado.



