- O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acompañado do delegado territorial, Manuel Pardo, asistiu á Xornada sobre seguridade e saúde no sector da lousa celebrada en Carballeda de Valdeorras, onde destacou os avances alcanzados para garantir contornos máis seguros nesta industria
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acompañado do delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo, participou esta mañá nas Xornadas técnicas sobre seguridade e saúde no sector da lousa, celebradas na localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras. Un encontro no que destacou o investimento realizado polo Goberno galego nos últimos sete anos para mellorar a seguridade desta industria, e que superou os 4 millóns de euros.
Fernández Vila puxo o acento na aposta da Xunta pola “seguridade e risco cero no sector mineiro”. “No caso do sector da lousa – engadiu – desde o ano 2018 levamos concedidas máis de 80 axudas por un importe de preto dos 4,2 millóns de euros para combater o pó de sílice”. E ao fío, lembrou que nos últimos anos o sector incorporou novos procedementos para adaptarse á entrada en vigor de novas normativas. Uns avances que “de seguro axudarán a prever enfermidades respiratorias e reducir os riscos aos que están expostos os traballadores e traballadoras da industria pizarreira”.
Neste contexto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas asegurou que a Administración galega manterá o seu compromiso coa seguridade laboral co obxectivo de dotar de contornos máis seguros ao persoal traballador dunha industria da que resaltou a súa capacidade exportadora, xa que vende ao exterior o 95 por cento da súa produción e representa o 27% das exportacións totais da provincia de Ourense. Un motor económico e social, dixo, que contribúe a á fixación de poboación no rural.
Finalmente, Pablo Fernández lembrou que o pasado martes tiña lugar o Pleno do Consello Galego da Minaría no que se avanzou a posta en marcha dun Plan de inspección mineira que regulará a realización de visitas totais ou parciais ás instalacións para levantar acta do seu estado con respecto ao proxecto inicial. “Un plan que vai vir acompañado da creación dun grupo de traballo específico para abordar a instrución técnica complementaria sobre Protección dos traballadores contra o risco por inhalación de po e sílice cristalina respirables, do Regulamento Xeral de Normas Básicas de Seguridade Mineira”, atendendo deste xeito unhas das principais reivindicacións do sector.



