HomeO MorrazoBueuA Deputación reúne o movemento veciñal de Bueu na xornada +Convivir para...

A Deputación reúne o movemento veciñal de Bueu na xornada +Convivir para poñer en valor o seu compromiso coa dinamización da vida sociocultural da vila

- Anuncio -spot_img

O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar na Casa Videira e nas que se deron cita ao redor de 200 persoas da vila

Despois de pasar por Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama,  Baiona, Rodeiro, Ribadumia e Bueu, +Convivir continuará este ano en Gondomar e Tui

A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Bueu no marco do programa +Convivir. Ao redor de 200 persoas déronse cita na Casa Videira para asistir ás actividades organizadas pola institución provincial, que tamén contaron coa asistencia do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís.

Javier Tourís lembrou que esta xornada forma parte da segunda edición do programa, que despois de pasar por Bueu, continuará pola xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Bueu”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programa como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.

Durante esta xornada lúdica, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre o alzhéimer e un obradoiro de risoterapia a cargo de AFAMO e AFAGA, respectivamente, así como unha  sesión de ximnasia de mantemento da man de Toni Garrido e outra de bailes de salón por parte de Breogán Pérez. A xornada completouse con música e cun refrixerio para as persoas asistentes, ademais dun inchable para os máis cativos.

+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e que enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia e Bueu, o programa chegará este ano a Gondomar e Tui. O pasado ano preto de 4.000 persoas desfrutaron das sete citas organizadas pola institución provincial.

Publicacións Relacionadas