O Concello de Ponteareas está a executar obras de mellora integral no Centro Social municipal situado na rúa Oriente, cun investimento total de 161.608,76 euros financiados co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, destinadas a garantir a conservación do edificio e mellorar o confort das persoas usuarias. reforma e o equipamento do CIM
No marco das axudas da Xunta para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) o Concello de Ponteareas acomete as actuacións que inclúen a reforma completa da cuberta, a substitución da carpintería exterior e a limpeza e aplicación dun tratamento hidrofugante nas fachadas, “co obxectivo de aumentar a eficiencia enerxética e prolongar a vida útil do inmoble”, segundo explica a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas.
O edificio do Centro Social acolle diversos servizos municipais de atención á cidadanía, como o Centro de Información á Muller (CIM) e os despachos das traballadoras sociais, ademais de obradoiros e actividades formativas e culturais dirixidas a diferentes colectivos da veciñanza. O inmoble conta tamén cunha cafetería de uso público, que forma parte da vida diaria do centro.
A alcaldesa destacou que “estas obras supoñen un paso máis no compromiso do Goberno local coa mellora das infraestruturas sociais e coa eficiencia enerxética dos edificios municipais, ofrecendo espazos seguros, accesibles e confortables para todas as persoas usuarias”.
As intervencións, que se atopan xa en marcha, permitirán solucionar filtracións, reducir o consumo enerxético e mellorar a estética e conservación do inmoble, que é un punto de referencia para moitos servizos e actividades municipais.



