O actual goberno municipal cumpre coa palabra dada e pecha un conflito xudicial que supuxo máis de 50.000 euros en intereses de demora.
O Concello de Antas de Ulla vén de facer fronte á débeda de 170.000 euros que o anterior goberno municipal deixou pendente coa empresa Galitec polas obras do campo de fútbol realizadas no ano 2019.
A situación, derivada dunha xestión administrativa deficiente, rematou nos xulgados e xerou uns custes engadidos de preto de 50.000 euros en intereses de demora, unha contía que podería terse destinado a melloras en servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas de Antas de Ulla.
A alcaldesa Pilar García Porto destacou o esforzo e a responsabilidade coa que se afrontou esta situación, negociando cada pago sen incrementar a carga fiscal á cidadanía. O goberno local priorizou o saneamento das contas municipais e traballou para devolver o prestixio e a estabilidade económica ao Concello.
Grazas á boa xestión e ao apoio da Deputación de Lugo, o Concello de Antas de Ulla conseguiu saldar por completo esta débeda, dando un paso máis na recuperación económica do municipio.
O actual equipo de goberno continuará traballando con responsabilidade, transparencia e compromiso para garantir o futuro e a estabilidade financeira de Antas de Ulla.



