HomeDeputaciónsDeputación PontevedraRafa Domínguez anima a “deixar pegada na igualdade” na publicación “Cen mulleres...

Rafa Domínguez anima a “deixar pegada na igualdade” na publicación “Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas”

- Anuncio -spot_img

O libro, que recolle os testemuños das cen mulleres que participaron no foro As mulleres que opinan son perigosas entre os anos 2018 e 2025, conta con cen páxinas en branco para “que todas vós, as persoas lectoras, deixedes nelas as vosas propias opinións”

O acto de presentación da publicación, cuxa primeira tirada é de 1.500 exemplares e inclúe ilustracións de Bea Gregores, incluíu tamén a estrea do documental protagonizado polo público asistente ao último foro e unha sesión de debate con Olga Viza, Marta García Aller, María Varela e María Hermida

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de presentar a publicación “Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas” no espazo acristalado do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Domínguez, que recordou que o libro recolle os testemuños das cen mulleres que participaron no foro As mulleres que opinan son perigosas entre os anos 2018 e 2025, animou a “deixar pegada” nas cen páxinas en branco en formato “bullet jounal” que inclúe a publicación.

Cunha tirada de mil cincocentos exemplares e ilustracións de Bea Gregores, “Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas” recolle os testemuños destas cen mulleres agrupadas por temáticas que van desde referentes e pioneiras ata xornalismo e redes, opinar sendo muller, feminismo e activismo, maternidade e conciliación, ciencia e saúde e a voz das nenas. Ademais contempla outras cen páxinas en branco “para que todas e todos vós, as persoas lectoras, deixedes nelas as vosas propias opinións”.

Ademais do libro tamén se estreou unha peza audiovisual na que o público asistente á última edición do foro As mulleres que opinan son perigosas é protagonista, impulsado por Susana Pedreira e Diana López. Trátase, tal e como recordou Domínguez, dunha peza que “amosa o impacto persoal que tivo esta xuntanza na súa vida e na súa autoestima” e coa que “queremos homenaxear a un público moi respectuoso, activo e con moitas ganas de aprender”.

Debate entre xornalistas do panorama nacional e do ámbito local

O acto de presentación do libro contou tamén cunha representación de dous eixos que sempre formaron parte do foro As mulleres que opinan son perigosas: o xornalismo nacional e o local. Neste eido, as xornalistas Olga Viza e Marta García Aller participaron no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra dando voz ao nacional e María Varela e María Hermida, ao local.

Publicacións Relacionadas