HomeA CoruñaUn cento de persoas concentráronse diante do centro de saúde de Ponte...

Un cento de persoas concentráronse diante do centro de saúde de Ponte Carreira pola mellora da atención primaria

- Anuncio -spot_img

O Concello está a trasladar ao Sergas as queixas que recibe pero pídelle á veciñanza que presenten esas queixas por escrito e a través das canles establecidas polo Sergas para axudar a reverter a situación

Un cento de persoas participaron este mediodía nunha concentración pola mellora da atención primaria en Frades convocada polo PSOE de Frades diante do centro de saúde de Ponte Carreira. Unha manifestación na que tomaron parte todos os concelleiros da corporación municipal de Frades, encabezados polo alcalde, Roberto Rey Martínez.

Á fronte da concentración, tres pancartas: dúas delas con mensaxes xa utilizadas en ocasións anteriores, “SOS Sanidade Frades” polo grupo socialista e “Non aos recortes. Si á sanidade pública galega” polo BNG; mentres que o grupo de Goberno cambiou a anterior “Concello de Frades: esiximos 2 médicos/as xa!” por “O Concello de Frades, por unha atención sanitaria de calidade”, toda vez que o obxectivo de ter dous médicos e que se cubriran as baixas no consultorio de Abellá xa foron conseguidas neste último ano polo Concello en negociacións coa Consellería de Sanidade.

O voceiro municipal socialista, Enrique Astray, reiterou que a mellora da atención primaria “é unha reclamación lexítima e que nos afecta a todos porque todos necesitamos da sanidade” e fixo fincapé na necesidade dunha “atención primaria de calidade, xa que é a primeira peneira que ten o sistema sanitario para non colapsar as urxencias”. Insistiu en que esta reclamación “non ten nin cores, nin ideas, nin nada” e que “non pedimos nada que non sexa lexítimo”. Así mesmo, convidou aos asistentes a asinar un manifesto para que a deputada autonómica Silvia Longueira, presente na concentración, dea traslado do malestar existente en Frades no Parlamento de Galicia.

Tras a intervención do voceiro socialista, tomaron a palabra a voceira municipal do BNG, Belén Pazos, e o alcalde de Frades, Roberto Rey. A voceira nacionalista, pese a apuntar que a situación da atención primaria é deficitaria en toda Galicia, centrou a súa intervención en Frades e, especialmente, no centro de saúde de Ponte Carreira, convidando aos presentes a trasladar ese malestar en forma de escritos de protesta para facerllos chegar á Xunta e que os seus responsables tomen as medidas que sexan precisas para garantir unha atención de calidade.

Presentación de reclamacións

Un punto no que incidiu especialmente o alcalde de Frades, quen explicou que “somos coñecedores do malestar existente coa atención que se presta no centro de saúde de Ponte Carreira e no Concello recibimos continuamente protestas por cambios de citas, incumprimentos do horario, atrasos á hora de expedir receitas… Unhas queixas das que damos traslado á Xerencia de Atención Primaria pero que non teñen o mesmo efecto que terían unhas queixas presentadas polos propios pacientes”.

Por iso, o alcalde insistiu en que “hoxe volvemos a pedirlle aos veciños e veciñas é que presentedes estas queixas empregando as canles que establece o SERGAS, para que vos dean unha resposta e poidamos atopar unha solución. De nada serve protestar aquí, se as queixas non chegan a onde teñen que chegar”. Neste sentido, Roberto Rey ofreceu a veciñanza toda a colaboración por parte do Concello de Frades xa que “se non tendes claro como presentar as reclamacións, podedes vir polo Concello onde vos prestaremos toda a axuda que sexa necesaria”.

Un ofrecemento que reiterou o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, quen quixo “agradecer á veciñanza que se achegara a manifestar as súas queixas e reiterar que dende o Concello estamos á súa disposición para axudarlle en todo aquilo que precise. Frades ten dúas prazas de médico cubertas por dúas profesionais de forma definitiva. Unha delas é baixa cinco meses por servizos especiais e é unha situación que o Concello conseguiu arranxar en parte. E as queixas agora mesmo céntranse no centro de saúde de Ponte Carreira por unha atención con moitos déficits e queixas dos veciños. O Concello traslada estas queixas á Xerencia pero, se os usuarios non o fan, esas queixas non teñen o efecto que deberían”.

Ferreiro Marzoa lembra que “o Concello fai todo o que está na súas mans, pois non ten ningún tipo de competencia sobre este persoal” e recorda que “no que son as competencias municipais, dicir que o ano pasado se investiron 50.000 euros en Abellá e Ponte Carreira e hai outro investimento previsto para o que falta de 2025 e para o 2026 de 150.000 euros para cambiar toda a arquitectura metálica do centro de saúde de Ponte Carreira, o que son portas e fiestras, ademais de cambiar a calefacción a aerotermia e o alumeado. Practicamente quedará un centro de saúde novo para mellor atención aos veciños e para que os profesionais teñan unhas condicións máis óptimas para desenvolver o seu traballo”.

Publicacións Relacionadas