Carme da Silva defende recuperar o acceso público á illa viguesa e cumprir a lei: “Toralla non pode seguir sendo un símbolo da especulación urbanística”
A senadora do BNG require coñecer se o proxecto está rematado e cando se someterá a información pública para, posteriormente, executalo
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas dirixidas ao Goberno do Estado para coñecer o estado actual do proxecto de recuperación do tránsito público na Illa de Toralla, en Vigo, e os prazos previstos para a súa tramitación e execución. A senadora do BNG, Carme da Silva, urxe o executivo a axilizar o proceso, cumprir a lei, executar o proxecto para recuperar a Illa e devolvela á veciñanza de Vigo.
A senadora nacionalista, Carme da Silva, lembra que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica informou en abril -en resposta a unha pregunta do BNG- que o contrato para a redacción do proxecto fora adxudicado con seis meses de prazo de execución, e debía estar finalizado a finais de setembro. “Queremos saber se ese proxecto está rematado, se foi remitido ao Ministerio e cando se vai someter a información pública, tal e como establece a normativa” explica Da Silva.
A nacionalista subliña que a Illa de Toralla leva décadas sometida a unha situación de privatización de feito, incompatíbel coa lexislación vixente en materia de costas, que garante o dereito de tránsito público nas zonas de servidume. “Non é aceptábel que no ano 2025, quen tente acceder á illa atope unha barreira e un vixiante que impiden o paso. O espazo litoral é un ben público e o Goberno debe actuar para recuperar ese dereito colectivo” afirma.
Da Silva lembra que a recuperación do tránsito público en Toralla é unha demanda histórica da veciñanza de Vigo, e denuncia que, a pesar das queixas e denuncias presentadas nestes anos, a cidadanía continúa sen poder acceder libremente ás zonas de dominio público da illa.
“A Illa de Toralla non pode seguir sendo un símbolo da especulación urbanística e da apropiación privada do litoral. É hora de devolverlle á veciñanza o que sempre foi seu” sostén a senadora do BNG.
Carme da Silva reclama ao Ministerio “claridade nos prazos” e “compromiso firme coa execución do proxecto”, para garantir o cumprimento efectivo da lei de costas e o acceso libre da cidadanía. “Non abonda con redactar proxectos; é preciso executalos. O BNG vai seguir vixiando este proceso até que o tránsito público sexa unha realidade” conclúe Da Silva.



