Unha carpa informativa visitará os distritos segundo se vaia poñendo en marcha neles o novo modelo
Xa se modificaron 1.651 contedores en distintos barrios da cidade
O Concello comeza esta semana unha campaña divulgativa entre a cidadanía para que a veciñanza poida resolver as súas dúbidas sobre a nova forma de separación e recollida dos residuos urbanos. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos dar á cidadanía a máxima información posible sobre o quinto contedor e resolver todas as dúbidas a través de accións en todos os barrios durante os próximos meses”, indicou Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente.
A campaña inclúe a instalación dunha carpa con material informativo e actividades interactivas destinadas a explicar o cambio no modelo de recollida e a separación dos residuos nos fogares. Tamén haberá charlas informativas nos centros cívicos para as asociacións veciñais ou entidades que o soliciten, así como publicidade en medios de comunicación e contido en redes sociais. “O novo contedor de tapa gris, destinado á fracción resto, xa está instalado en distintos barrios e poñémonos ao dispor dos veciños e veciñas para resolver todas as dúbidas que poidan ter en canto á súa utilización”, sinala Neira.
A posta en marcha deste novo sistema de recollida dos residuos urbanos supón que a cidadanía terá que utilizar a partir de agora o contedor de tapa amarela só para envases (bricks, latas ou envases de plástico) e haberá un novo contedor, de tapa gris, destinado á fracción resto (restos de varrido, cabichas, produtos de hixiene feminina ou cueiros).
Desde o Concello estase en contacto coas asociacións veciñais para coordinar con elas a visita da carpa informativa aos barrios e na páxina web municipal informarase do itinerario da mesma. Así mesmo o correo electrónico concellaria.medioambiente@coruna.gal e o teléfono 010 están ao dispor de todos os cidadáns que desexen obter información sobre a campaña ou sobre a nova forma de separar os residuos.
O Concello continúa coa implantación progresiva do quinto contedor en todos os barrios da cidade cumprindo os prazos previsto para a súa total implantación antes de final de ano en todo o termo municipal. Xa se modificaron 1.651 contedores a unha media de 127 contedores ao día.



