HomeA CoruñaComezan os traballos de construción da duna de protección na praia de...

Comezan os traballos de construción da duna de protección na praia de Riazor

- Anuncio -spot_img

A estrutura de area, que superará os dous metros de altura nalgúns tramos, servirá para minimizar o impacto dos temporais sobre o Paseo Marítimo durante o inverno

Esta mañá deron comezo os traballos para conformar a duna de area na praia de Riazor, unha actuación que o Concello realiza cada tempada de inverno co obxectivo de protexer o Paseo Marítimo fronte aos efectos dos temporais costeiros.

A intervención, que se prolongará ata o venres, consiste na creación dunha barreira natural mediante o movemento e modelado de area con maquinaria especializada. Dúas máquinas bulldozer encárganse de amontoar a area, mentres unha retroescavadora realiza o perfilado final da duna, que superará os dous metros de altura en determinados puntos da praia.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, supervisou esta mañá os traballos e destacou a consolidación desta medida como parte do dispositivo preventivo municipal. “A experiencia e os avances na maquinaria permiten que a xigantesca barreira de area sexa realmente efectiva para impedir que as inclemencias meteorolóxicas afecten o Paseo Marítimo”, sinalou Neira, quen tamén avanzou que os servizos técnicos municipais realizarán un seguimento continuo da duna para reforzala se fose necesario ante fenómenos meteorolóxicos de especial intensidade.

Esta medida preventiva, que se aplica desde 1995, reforzouse como parte das accións fronte aos efectos do cambio climático impulsadas polo Goberno de Inés Rey no marco da súa estratexia de protección e conservación do litoral urbano.

Este tipo de episodios adoitan rexistrarse entre unha e tres veces ao ano de media, polo que a actuación forma parte do protocolo habitual de prevención de riscos costeiros na cidade.

A previsión é que a duna permaneza en Riazor ata mediados de maio de 2026, momento no que será retirada para deixar a praia acondicionada para o inicio da tempada de baño, que comeza oficialmente o 15 de xuño.

Publicacións Relacionadas