HomeA CoruñaO concello e a Guardia Civil entregaron a Cáritas da Laracha os...

O concello e a Guardia Civil entregaron a Cáritas da Laracha os alimentos doados na exhibición solidaria

- Anuncio -spot_img

A entidade atende mensualmente a unhas 25 familias do municipio.

O Concello e a Guardia Civil fixeron hoxe entrega a Cáritas da Laracha dos alimentos non perecedoiros recollidos durante a exhibición solidaria celebrada a semana pasada no CEIP Otero Pedrayo. O acto desenvolveuse no local da entidade xunto á igrexa de Santa María de Torás. En representación do Concello estiveron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; da Guardia Civil o tenente coronel D. Julio González Chas, responsable do Plan Director da Comandancia, e o cabo 1º D. Sergio García Vázquez, formador do Plan Director da Compañía de Carballo; e por Cáritas da Laracha, ademais do párroco de Torás D. Manuel Boullón, a presidenta Orfi Méndez, a tesoureira Arsilia Sánchez e o colaborador Luciano Varela

Durante a exhibición, na que participaron diversas unidades da Guardia Civil e que congregou a preto de 3.000 persoas entre escolares e público en xeral, a veciñanza da Laracha e doutros municipios amosou a súa solidariedade contribuíndo cun volume importante de alimentos destinados a apoiar o labor de Cáritas da Laracha.

Tanto os representantes do Concello como da Guardia Civil destacaron o éxito da iniciativa, non só pola gran participación e o interese amosado polo público nas demostracións, senón tamén polo seu compromiso social. Así mesmo, subliñaron a importancia destas accións conxuntas que unen educación, convivencia e solidariedade.

Grazas a esta colaboración, Cáritas da Laracha poderá reforzar o seu servizo de atención ás familias máis vulnerables. A súa presidenta agradeceu a cooperación do Concello, Guardia Civil e das persoas que colaboraron coas doazóns. Tamén apuntou que a entidade atende mensualmente unhas 25 familias do municipio, ofrecéndolles axuda con alimentos, produtos de hixiene e roupa. O local de Cáritas da Laracha está aberto todo o ano para recibir as doazóns das persoas que desexen colaborar. Para ampliar información deben dirixirse á igrexa parroquial de Santa María de Torás.

Publicacións Relacionadas