O equipo de goberno visitou as obras acompañado do deputado provincial Pablo Castillo
As obras de construción da rede de saneamento na parroquia de Entenza que o Concello de Salceda de Caselas está a executar avanzan a bo ritmo e segundo o libro de ruta previsto. Así o puideron constatar esta mañá na visita que realizou a Alcaldesa, Loli Castiñeira, o deputado provincial, Pablo Castillo, o equipo de goberno municipal e representación dos demais grupos políticos da corporación.
Trátase dun investimento valorado en 875.000€ que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través dos plans Extra e Máis Provincia, que o goberno municipal decidiu destinar a este servizo tan importante.
A Alcaldesa agradeceu a presenza de Pablo Castillo na visita organizada, e sobre a obra puideron comprobar o avance das mesmas, que se están a desenvolver sen grandes imprevistos.
Esta obra marca o cumprimento dunha débeda histórica con esta parroquia e suporá que entorno a 120 vivendas poidan por fin contar con saneamento. A parroquia de Entenza, xunto coa de Soutelo, era unha parroquia sen practicamente saneamento en todo o seu territorio, polo que o equipo de goberno non dubidou en destinar os 700.000€ que lle correspondían do Plan Extra, incidindo unha vez máis no compromiso do goberno municipal con este servizo fundamental para o cal levan xestionado máis de 3 millóns de euros nesta lexislatura.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, quixo agradecer tamén a colaboración do tecido asociativo da parroquia, así como da propia veciñanza, que en todo momento están a colaborar para que as obras se desenvolvan do xeito máis rápido e eficiente.



