Realizaranse 32 acometidas de auga ás que poderán engancharse aqueles veciños e veciñas que desexen pasar a ter auga municipal.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acompañado do enxeñeiro municipal e do responsable da Brigada Municipal de Augas, convocou esta mañá unha reunión coa veciñanza no Souto do Campo, no lugar de Ameal (O Campo) para explicar o proxecto de mellora da estrada EP-1202 que arrancou recentemente a Deputación de Pontevedra e do abastecemento de auga que desde o Concello se coordinará para aproveitar estas obras.
Trátase, pois, dunha oportunidade para poder despregar a rede de abastecemento de agua na zona, creando as acometidas para as vivendas que se atopen entre a rotonda da Brea e o núcleo de Rúanova, beneficiando a un total de 32 casas.
O concelleiro animou á veciñanza a que se conecten á futura rede municipal, supoñendo un custe por vivenda de 258,14 euros. Para iso, explicoulles cales son os pasos que deben dar a nivel burocrático no Concello, presentando a súa solicitude, que será tramitada e xestionada.
Este proxecto de abastecemento faise aproveitando a inversión que está a realizar a Deputación de Pontevedra no vial, que ascende a 610.000 euros, e que permitirá mellorar a capa de rodadura para garantir a seguridade do tráfico, así como a reposición do firme e a construcción de cunetas de seguridade.
Os traballos arrancaron hai un par de semanas e teñen un prazo previso de tres meses. Pola súa banda, o Concello irá acompasándose ao ritmo da obra para, a medida que se levanta a estrada, ir colocando a nova rede de abastecemento.



