Dende a procura da partitura e o minucioso estudo histórico, interpretativo e ecdótico desta ata a transcrición e finalmente o arranxo e edición, durante un ano os musicólogos Iago Sobrino e Marcos Amado realizaron un intenso traballo para entregar, no día de onte, á alcaldesa Nava Castro a partitura da edición especial de “Carpio” do mestre Reveriano Soutullo.
Diante da Casa do Concello o públicou gozou da estrea desta edición interpretada pola Banda de Música de Xinzo que tamén recibíu nas mans da súa presidenta, Silvia Fdez. Táboas, unha copia da partitura. Carpio é un pasodobre flamenco breve, emotivo e con sonoridades flamenquistas; sinxelo pero elegante, cheo de contrastes tímbricos e de matices que lle dan un enorme carácter e vitalidade, un pasodobre que non deixa indiferente despois de escoitar os primeiros compases. No acto de presentación e recepción de partitura tamén estivo presente o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera, e concelleiras e concelleiros da Corporación así como o director do conservatorio de música municipal que leva o nome do Mestre Soutullo.
O ponteareán Marcos Amado e Iago Sobrino tiveron palabras de agradecemento para o Concello e tamén para o director da Banda de Música de Xinzo, Rodrigo Iglesias, “que acolleron con ilusión a nosa proposta e apoiaron este traballo no que tiveron que facer arranxos varios nos que ter en conta moitas particularidades”.
Co obxectivo de elaborar unha edición que facilitase ao máximo a interpretabilidade da obra, o traballo de arranxo tivo en conta estas particularidades, e obrouse corrixindo tanto harmonías como a adecuación tímbrica, atendendo á composición habitual das bandas na actualidade, ademais da tamén necesaria verticalidade e horizontalidade nas dinámicas e articulacións, para dar coherencia e cohesión á peza. Todo coa finalidade de proporcionar aos músicos e músicas unhas partituras sobre as que puidesen traballar directamente.
“Tamén, a finalidade dese traballo é puramente práctico, esquecéndose a dimensión teórica do estudo da obra. Aí é onde entramos os musicólogos e musicólogas, coa posibilidade non só de proporcionar os materiais das obras cunha corrección e adecuación máis que considerable, algo que os músicos e músicas agradecen, senón tamén de proporcionar un estudo e análise notable, é dicir, un traballo en conxunto abundante, con moitísima máis profundidade. E grazas aos músicos e músicas cos que colaboramos nós podemos compartir este patrimonio coa sociedade, coa veciñanza”, explicaron os musicólogos.
Suliñaron tamén que “nós non pensamos en Carpio como un pasodobre adicado a un toureiro, que tamén o é, senón como repertorio de banda, como memoria sonora, como unha música que é de todas e de todos, como unha música popular. É por iso que quixemos agasallar ao Concello e ás bandas de Ponteareas con esta partitura, para que siga sendo repertorio de banda, para que siga sendo música popular. E música de Ponteareas. E para poder consagrar esta obra como parte do canon musical bandístico, e tamén do repertorio de Soutullo. Ogallá o proxecto editorial saia tan ben como vai saír hoxe esta estrea”.
A alcaldesa Nava Castro adiantou que esta e outras partituras do Mestre Soutullo estarán nas tablets coas que traballarán os máis de douscentos alumnos/as do conservatorio municipal e que dende o goberno seguirán traballando pola coñecemento e divulgación dos grandes creadores de Ponteareas.
Este foi un dos actos organizados polo Concello de Ponteareas para render homenaxe ao Mestre Reveriano Soutullo. O programa de actos complétase este mércores 29 de outubro, cunha ofrenda floral ao pé do busto do mestre diante do Concello ás 19:30 horas. De seguido, ás 20:00 horas, terá lugar unha charla-concerto “Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano” a cargo de Alejo Amoedo, experto na obra de Soutullo e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.
Amoedo, galardoado co Premio da Crítica de Galicia (2021) e co Premio da Música Gregorio Baudot (2022), ofrecerá un percorrido pola vida e a obra do compositor ponteareán.
Alejo Amoedo ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). «Música de Salón» con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).
Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano
Reveriano Soutullo é recoñecido como un dos compositores importantes do primeiro terzo do século XX no xénero lírico. Con todo, o repertorio onde inclúe o piano pasou desapercibido. Na charla, Alejo Amoedo, fará un resumo da vida e obra do compositor ponteareán e interpretará unha selección do repertorio escrito polo autor para o devandito instrumento, que está enmarcado no que podemos denominar xenericamente «música de salón».
O concerto é unha invitación a escoitar o pasado desde o presente, establecendo unha conversa imaxinaria con Reveriano Soutullo onde o piano convértese aquí nun espazo de encontro, unha forma de escoitar con memoria, de falar coa música como quen conversa cun amigo que nunca deixou de inspirarnos.
Alejo Amoedo, pianista
Especializado no repertorio de compositores/as galegos/as, realiza estudios de acompañamento vocal en Madrid co lendario pianista Miguel Zanetti. Alejo é doutor pola Universitat Politècnica de Valencia (2019).
A súa ampla traxectoria, no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Antonio Paz Valverde, Rogelio Groba, Luís Carro, Juan Durán, Margarita Viso, Miguel Brotóns, María Mendoza, entre outros/as.
Dos seus traballos discográficos destacan o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (Ouvirmos, 2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva; Mélodies (Mans, 2012), con Iria Cuevas, mezzosoprano; Evocación (Dos Acordes, 2016), coa obra para piano só de Reveriano Soutullo; (di) Versos Femeninos (RDC, 2022), coa mezzosoprano Nuria Lorenzo e a música de Juan Durán; e o mais recente A mansión dos anxos. Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX (Dos Acordes, 2024).
Exerceu de pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio con Piano para Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Foi galardoado co «Premio Círculo, 2004» na modalidade de Música; «Premio da Crítica de Galicia» (2021) e co «Premio da Música Gregorio Baudot» (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolana.
É integrante do colectivo cultural Pertenza; asesor da Fundación Reveriano Soutullo; membro fundador da Irmandade da Música Galega; membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega (2022), vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.
Ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). «Música de Salón» con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).



